Besteiro esixe a Alcoa acelerar o forno de cocción para garantir o futuro de San Cibrao

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe desde Cervo axilidade no que considera un paso clave para o futuro de Alcoa. “Xa non hai máis tempo que perder. A empresa debe acelerar o forno de cocción para apuntalar o futuro de San Cibrao”, defendeu despois de manter, na sede socialista de San Cibrao, unha reunión de traballo coa presidenta da Deputación, Carmela López; alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas da Mariña e representantes socialistas no Congreso e no Senado para analizar a situación da factoría e abordar, de maneira coordinada, os retos que ten a comarca da Mariña.

Besteiro asegurou que, unha vez que a empresa xa aceptou os máis de 40 millóns de euros que o Goberno lle concedeu a través do Perte de descarbonización, “xa non hai ningún obstáculo” para iniciar a construción do novo equipo industrial que permitirá fabricar ánodos na propia factoría en vez de recorrer á súa importación. “Vai ser un investimento moi importante para a viabilidade futura do complexo”, subliñou.

Ese proxecto apuntalará a situación da planta, que mellorou de xeito significativo nos últimos anos. De feito, hoxe ten todas as cubas en funcionamento grazas ao acordo de viabilidade avalado polos traballadores e as medidas impulsadas polo Goberno do Estado.

A xestión dos residuos

O líder socialista referiuse tamén á balsa de lodos da planta mariñá, para reclamarlle ao Goberno de Rueda “que se poña as pilas” e, da man da empresa, sumando a centros de investigación e ás universidades, acade “unha solución definitiva” para eses residuos.

“Non podemos fiar o futuro do complexo ás subidas de cota da balsa”, afirmou para insistir na necesidade tanto de recuperar materiais útiles dese depósito como en acadar que os que non se poidan valorizar “sexan inertes”. Nese senso, sinalou que se trata, ao mesmo tempo, dunha cuestión medioambiental.

Enerxía

“E apostamos non só polo forno de cocción, a mellora da situación dos lodos: tamén por mellorar a conexión eléctrica da planta”, salientou José Ramón Gómez Besteiro para formular tres reivindicacións.

Unha delas está dirixida á empresa: “Ten que ser eficiente e cada vez menos dependente do consumo eléctrico”. Outra, á Xunta, xa que ten paralizados seis proxectos eólicos, suspendidos cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. E finalmente, ao Estado, ao que tamén lle pediu “que resolva definitivamente o concurso dos parques que quedaron pendentes por non cumprir os fitos que se marcaban no seu momento”.

Con todo, apuntou que se precisan mellores condicións no subministro de enerxía eléctrica. “O prezo non é o de hai catro anos, cando se asinou o acordo de viabilidade. Baixaron os prezos, pero tan importante como recibir enerxía máis barata é ser eficiente para conseguir que se consuma menos”, insistiu. Para iso, é necesario seguir avanzando na modernización da planta e consolidar no tempo esas vantaxes, defendeu.

A “deplorable” posición do novo goberno local lucense

Por outra banda, Besteiro cualificou de “verdadeira aberración” que o Concello de Lugo impedise onte a celebración dun acto no Vello Cárcere, no que participaba o secretario de Estado de Memoria Democrática, polo simple feito de que se ía por en valor a declaración do edificio como lugar de memoria.

“Foi un traballo que impulsou por parte do alcalde Miguel Fernández”, recordou o secretario xeral socialista, que destacou tamén que Lugp se une así a  outros lugares de memoria en Galicia, como a Illa de San Simón ou pazo de Meirás. “Dentro duns meses confirmarase esa declaración”, avanzou. Para Besteiro, é “deplorable” que desde actual alcaldía de Lugo se “torpedeara” o acto, marcando “cal é a posición do novo goberno local”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios