O Celta Fortuna sube a Segunda derrotando á violenta Ponferradina ante 22.000 seareiros

O Celta Fortuna goleou xustamente a unha violenta Ponferradina, que pasou pola eliminatoria final de ascenso a Segunda División dando patadas sen cuartel aos rapaces do Celta Fortuna, que na temporada máis brillante fan historia subindo por primeira vez á Segunda División. Hugo González volveu marcar dous goles, como ante o Europa en Balaídos, pero desta foi secundado por Somuah e Capdevila. Cortés, que puxo o corolario á violencia ponferradina na eliminatoria, non acabou o partido antes do 4-1 por unha entrada terrible a Somuah. 22.000 seareiros testemuñárono en Balaídos. Galiza mantén equipos en Segunda por décimo novena campaña consecutiva e o Celta Fortuna convértese no primeiro equipo, filial ou dependente, que alcanza a División de Prata no fútbol galego. Na próxima campaña só o Celta e a R. Sociedad contarán con dous equipos no fútbol profesional.

Calidade-Violencia: 1-1

A Ponferradina tiña claro que a súa vantaxe estaba na intimidación e non demorou tres minutos para que San Emeterio metera a súa primeira patada a destempo para medir a tolerancia de Morales Moreno. O árbitro tampouco se inmutou ane o desequilibrio de Borja sobre a posición gañada de Carrillo nun despexe do meta local, ou coa agarrada de Undabarrena ao pescozo de Marín. A maiores, Borja Vázquez, vendo que non podía correr a banda atrás de Gavián, deixou marca nas pernas do xogador celeste.
O quince primeiros minutos transcorreron con lixeiro dominio visitante, incluíndo tres balóns á área aproveitando faltas afastadas, e a imposibilidade fortunista de crear porque a consigna de Nafti era parar o xogo como fora cando o cadro leonés perdera a pelota.
No primeiro ataque posicional do cadro galego viuse a un rival organizándose atrás cunha liña de cinco zagueiros, Calderón atrasaba metros e Koke transformábase en central dereito.
Na primeira na que os vigueses puideron librarse dos golpes rivais e atopar espazos nunha saída, Hugo González rompeu polo carreiro do 8, recibiu o pase diagonal de Antañón, burlou a saída de Prieto e non perdoou para anotar o primeiro gol da eliminatoria aos 23 minutos.
Case chegou o segundo á media hora. Gavián deixou en evidencia á zaga leonesa nun drible cara ao interior, pero Prieto salvou o disparo en carreira do exterior. Logo, nunha complicada segunda opción, Marin xutou fóra.
Marcos, que coleccionara demasiadas patadas en El Toralín, recibiu outra moi dura dun mal posicionado Koke no centro do campo. O ex lateral do Valladolid Promesas non recibiu nin a advertencia.
No minuto 36, tras recibir o rexeitamento dun saque de esquina, Hugo González rozou a escuadra cun xute cruzado. O saque de porta permitiu un ataque rápido de Ponferradina, que puido igualar cunha finalización por riba do traveseiro de Borja Vázquez.
Germán, sempre inferior a Hugo González, parou outra saída do valenciano con outra patada sen consecuencias disciplinarias por atrás.
Despois da recuperación, e nun balón solto, Borja, liberado no segundo pau, cruzou ante Carrillo o gol do empate aos 42 minutos.
O fútbol, como tantas veces, deixaba de ser xusto. Quen máis patadas daba chegaba ao descanso coas posibilidades intactas fronte ao mellor e máis limpo fútbol do Celta Fortuna. Alemany, camiño do vestiario, probablemente recrimináballe ao árbitro a súa permisividade cos visitantes.

O fútbol é xusto esta vez e gaña quen debe

Aos dous minutos do segundo tempo, Koke simulou unha agresión de Marcos, pero o colexiado tampouco tomou nota dos autos, como tampouco pareceu darlle importancia á patada de Andoni López a Gavián aproveitando a disputa dun balón dividido sobre a divisoria.
Por fin, o primeiro cartón foi para Germán, quen volveu matar con outra entrada por atrás unha saída de Hugo González cara ao centro da frontal.
No minuto 66, logo do reinicio dunha xogada embarullada, Antañón recibiu na frontal, viu o desmarque a Marín, a quen serviu cun pase vertical, pero o navarro foi derrubado groseiramente por Undabarrena cando se dispuña a disparar. Hugo González retou a Prieto, especialista en parar penaltis, e torceu o nocello no último instante para que o meta voara cara á nada pola súa esquerda e o valenciano deixara o coiro na rede, polo lado oposto desde os once metros. O extremo repetía o dobre en Balaídos, como na eliminatoria anterior fronte ao Europa.
No minuto 73, Marín, no cento da área, cabeceou alto un centro de Joel. O punta celeste ficou doente por un problema muscular e debeu deixar o partido na segunda xanela usada por Fredy, Nafti tamén usou ese instante para poñer na punta a Slavy e xogar con tres atacantes.
A sentenza chegou no minuto 85 nunha acción de gan mérito de Somuah. Recolleu no círculo central a saída á contra aguantando o peso nas súas costas de Undabarrena. Abriu á dereita onde lle apoiou Hugo González, Miller sumouse para dobrar ao valenciano, que preferiu o pase ao mesmo Somuah, polo centro, que logo de pausar, saíu á media lúa para xutar á rede e comezar a respirar a Segunda División.
Antes do remate, Cortés fixo a última entrada brutal do partido indo ao xeonllo de Somuah, Sen xustificación, nin para o colexiado, viu o vermello directo.
A continuación, tras o saque da falta, Capedevila desmarcouse na área e bateu por alto a Prieto.
A festa rachada en Balaídos non se fixo esperar. O Celta Fortuna rubricou a mellor campaña da súa historia ascendendo a Segunda. É a primeira vez que un filial, ou un equipo dependente galego, alcanza a División de Prata.
Ao tempo, Galiza non perde o fío da Segunda División, na que ten presenza continuada desde a campaña 2007/08.

Ficha

SÁBADO 20/06/2026 (18,30) Campo: BALAÍDOS (22.000)
R.C. CELTA FORTUNA : 4 – S.D. PONFERRADINA : 1 (1-1)

CEL : Carrillo; Ribes, Meixús (Capdevila 87’), Anxo; Gavián (Miller 76’), Burcio, Antañón, Joel; Hugo González (Ndiaye 87’), Marín (Somuah 76’), Marcos (Arcos 68’). Tre. Fredy. (Banco: Barone (g); Marcos González (g); Jaime Vázquez; Kibet; De la Iglesia, Oliveras; Luis Bilbao).
PNF : Prieto; Koke (Andújar 83’), Undabarrena, Germán, Andoni López; Calderón (Xemi 83’), Morán (Mfulu 76’), San Emeterio (Cortés 68’), Borja Vázquez; Keita (Slavy 76’), Borja. Tre. Mehdi Nafti. (Banco: Ángel (g); Barredo (g); Jorrín; Moltenis; Frimpong; Kysil; Pau Ferrer).
Goles: 1-0 Hugo González 23’; 1-1 Borja 42’; 2-1 Hugo González 66’(p); 3-1 Somuah 85’; 4-1 Capdevila 89’.
Árbitro: Morales Moreno (Andalucía). Auxiliares: Gómez Florido e Sánchez Lázaro. 4º árb.: Ruipérez Marín.
Disciplina: CA: Germán 56’; Undabarrena 66’; San Emeterio 66’; Marcos 66’; Slavy 89’; Miller 89’ // VD: Cortés 88’.

Comparte éste artículo
No hay comentarios