O Grupo Municipal Socialista de Arteixo elevou unha esixencia firme ao goberno local para poñer fin aos graves problemas de mobilidade e seguridade viaria que sofren a diario os residentes do núcleo urbano de Pastoriza. A formación reclama unha intervención urxente que ordene o tráfico e poña alternativas sobre a mesa ante a alarmante escaseza de estacionamento.
O PSOE acusa ao executivo do Partido Popular de ignorar as constantes queixas de Pastoriza, unha actitude que derivou nun conflito viario crónico onde os coches saturan as rúas sen control ante a falta de zonas preparadas.
A denuncia socialista céntrase, en primeiro lugar, na situación límite que se vive na rúa Gregorio Hernández. No tramo esquerdo en dirección de baixada cara á Avenida de Pastoriza, a falta de espazo non impide que diariamente estacionen numerosos vehículos fóra de ordenación.
O portavoz do grupo socialista, Martín Seco, lembra que esta práctica, «lonxe de ser un feito illado, repítese de xeito sistemático dende hai anos». O PSOE acompañou o seu rogo plenario cun dossier fotográfico compilado ao longo de diferentes meses do ano para demostrar a cronificación do problema, o cal imposibilita unha correcta circulación pola rúa e impide de forma recorrente que os veciños poidan entrar ou saír cos seus coches dos seus propios garaxes.


Parcelas improvisadas e falta de seguridade
Os socialistas recoñecen que a veciñanza se atopa nunha situación de desamparo ante a falla crónica de prazas de aparcamento na contorna. Isto provoca que se estean a utilizar parcelas privadas e solares de xeito improvisado, como ocorre no enlace coa Avenida de Pastoriza, sen que estes terreos reúnan as máis mínimas condicións de seguridade, firme nin limpeza.
«Non podemos permitir que a desidia do Goberno local converta o día a día de Pastoriza nunha xincana para saír de casa. Os veciños están fartos de atopar os seus garaxes bloqueados. A solución non pasa por mirar para outro lado mentres os coches aparcan onde poden, senón por aplicar a disciplina viaria necesaria e, ao mesmo tempo, crear bolsas de aparcamento públicas que sexan dignas, limpas e seguras», manifestou Martín Seco.
O Grupo Socialista insta ao Concello a poñer en marcha canto antes dúas medidas complementarias e necesarias. Por unha banda para o control viario, executar de inmediato as actuacións técnicas e de sinalización precisas para evitar que os vehículos sigan aparcando no espazo non apto da rúa Gregorio Hernández, e por outra habilitar de forma planificada novas zonas de estacionamento na Avenida de Pastoriza e arredores, garantindo un mantemento adecuado e condicións óptimas de seguridade para os usuarios.
Todo eso está genial…. Pero cuándo váis a obligar a los garajes a poner Vado? Es una vergüenza que en todo Arteixo, y en especial Pastoriza, 8 de cada 10 garajes sean “ilegales” y lo único que tengan sea un Vado falso impreso o un cartel de Por Favor No Aparcar. Mientras no se ponga solución a eso, yo puedo dejar mi coche si me da la gana en la misma puerta de un garaje que no tiene licencia de Vado. Pero bueno que váis a decir si uno de los importantes de vuestro partido, tiene un garaje de estos ilegales en Pastoriza jajajaja