O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, compareceu hoxe para denunciar a parálise absoluta do actual Goberno local respecto ao proxecto da gran zona de baño e lecer no río Miño. Fernández instou á alcaldesa a abandonar a “inacción” e a “actitude de bloqueo político” que está a impedir a execución dunha das actuacións máis estratéxicas e demandadas pola cidadanía lucense.
Unha planificación gardada nun caixón
O portavoz socialista lembrou que o anterior Goberno deixou o proxecto non só planificado, senón cunha folla de ruta definida e contactos iniciados coas administracións competentes. “Estamos ante un Goberno que vive da herdanza recibida e que é incapaz de impulsar os proxectos que outros deixamos preparados. Non hai acordos pechados nin actuacións en marcha; o único que existe é un bloqueo por ser unha iniciativa impulsada por nós”, afirmou Fernández.
O plan socialista estruturábase en tres ámbitos de actuación diferenciados:
- Zona dos Robles: Integración das instalacións existentes nunha área fluvial de uso público con prezos accesibles.
- Parque das Saamasas: Mellora dos accesos ao río mediante intervencións respectuosas co medio natural, en coordinación coa Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica.
- Fábrica da Luz: A actuación máis inmediata e ambiciosa. Trátase dun espazo de máis de 10.000 metros cadrados que, cunha mínima inversión en acondicionamento, limpeza e mobiliario urbano, xa debería estar dispoñible para a cidadanía.
Mán tendida para desbloquear a situación
Ante a chegada dun novo verán sen avances visibles, o líder socialista quixo dar un paso máis. Máis aló da crítica política, Fernández ofreceu a súa “colaboración leal e institucional” para que o proxecto non quede paralizado definitivamente.
Neste sentido, ofreceuse publicamente a facilitar a interlocución coas administracións implicadas (Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación e Xunta) no caso de que o Goberno local se vexa incapaz de xestionar estes contactos. “O importante non é quen corte a cinta, senón que a cidadanía poida desfrutar dunha zona pública de baño á altura do que merece Lugo. É hora de pasar das escusas aos feitos”, concluíu.
O PSOE de Lugo insiste en que a cidade non pode permitirse perder a oportunidade de converter o seu patrimonio natural nun motor de lecer, deporte e turismo sostible por falta de vontade política.