Elena Candia recibe ás seleccións autonómicas que competirán en Lugo nunha das grandes citas do deporte base nacional de voleibol

O Campionato de España reunirá na cidade a máis de 1.300 deportistas e técnicos ata o vindeiro domingo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu no Salón de Plenos a unha representación das seleccións autonómicas que participarán no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) de voleibol, que se celebrará desde este xoves ata o domingo 28 de xuño en diferentes instalacións municipais.

Durante o acto institucional, a rexedora deu a benvida aos deportistas, técnicos e responsables das  distintas delegacións participantes e agradeceu que Lugo fose a cidade elixida para acoller unha competición que reunirá ás mellores promesas do voleibol español nas categorías infantil e cadete.

“Durante os próximos días compartiremos deporte, convivencia e experiencias que estou convencida de que permanecerán na memoria de todos os participantes”, sinalou a alcaldesa, quen tamén destacou a oportunidade que supón para Lugo acoller un evento destas dimensións, que reunirá a representación das 17 comunidades autónomas e un total de 76 equipos, ademais das delegacións de Ceuta e Melilla nalgunhas categorías.

“Agardo que estes días vos permitan competir ao máximo nivel, pero tamén coñecer Lugo e levar convosco o recordo dunha cidade acolledora que vos recibe cos brazos abertos”, afirmou.

Os encontros disputaranse no Pazo de Feiras e Congresos, que contará con nove pistas de xogo, no Pavillón Municipal de Deportes, sede das finais e do encontro internacional previsto para o venres, así como nos polideportivos municipais Casa do Deporte e O Pombal.

A alcaldesa de Lugo aproveitou a recepción para poñer en valor o labor que realizan os clubs da cidade na promoción do deporte e na formación de novos deportistas.“Que Lugo acolla unha competición destas características tamén é consecuencia do traballo constante que entidades como o Emevé desenvolven desde hai anos, contribuíndo a consolidar a nosa cidade como unha referencia dentro do voleibol galego e nacional”, destacou.

Elena Candia tamén agradeceu o traballo da Federación Galega de Voleibol, organizadora do evento xunto coa Real Federación Española de Voleibol, así como a colaboración dos clubs, dos voluntarios e de todas as persoas e entidades implicadas na organización dunha competición que converterá Lugo no principal escenario do voleibol base español durante os vindeiros días.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios