O Concello da Laracha reforza os servizos municipais e impulsa a creación de emprego durante o verán

A administración local convértese nun importante xerador de postos de traballo para exercer funcións de interese xeral para a cidadanía larachesa.

A chegada da época estival implica a necesidade de reforzar determinados servizos municipais vinculados á seguridade cidadá, ao mantemento dos espazos públicos, á protección do medio natural e á atención aos turistas e visitantes. Neste contexto, o Concello da Laracha convértese un ano máis nun importante xerador de emprego, promovendo a contratación de persoas para desenvolver programas e servizos de interese xeral ao longo dos próximos meses.

As iniciativas están financiadas, segundo os casos, integramente con fondos municipais ou co apoio económico doutras administracións como a Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, o que permite incorporar recursos humanos en áreas de importancia para a xestión das competencias municipais.

Actualmente atópase en proceso de selección o persoal que integrará a brigada de prevención e defensa contra incendios, que estará formada por cinco efectivos: un xefe de brigada, un peón condutor e tres peóns. Os contratos terán unha duración de tres meses. Ademais, ao abeiro do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo 2026, o Concello incorporará outras sete persoas desempregadas para formar cuadrillas municipais que desenvolverán labores relacionadas co mantemento, conservación e valorización das zonas verdes do municipio.

Os que xa prestan servizo son os cinco peóns para formar a cuadrilla de limpeza dapraia de Caión durante tres meses co obxectivo de manter en óptimas condicións tanto o areal como o seu entorno.

Na praia de Caión tamén está operativo durante a tempada estival o servizo de salvamento e socorrismo, integrado por un equipo de oito persoas. O dispositivo presta servizo entre o 15 de xuño e o 15 de setembro co propósito de garantir a seguridade dos usuarios do areal.

Outra das iniciativas impulsadas nesta época do ano é a contratación dunha técnica para a atención durante seis meses do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar. Contribuirá á posta en valor dun dos principais recursos patrimoniais, culturais e turísticos do municipio, cun amplo horario de apertura das instalacións no verán e a organización de programas de actividades dirixidos a todos os públicos.

A través do programa PEL Concellos incorporouse dunha cuadrilla de obras e servizosformada por sete persoas: un capataz, catro peóns e dous traballadores destinados a servizos xerais. O equipo estará operativo durante cinco meses realizando actuacións de mantemento e mellora en diferentes puntos do termo municipal.

A estas 33 contratacións directas hai que engadir o emprego xerado a través doutras iniciativas e servizos municipais que se reforzan durante o verán, como os programas de actividades e de conciliación, que requiren a incorporación de monitores e persoal persoal especializado.

Ademais, recentemente comezou o Obradoiro de Emprego A Laracha X, que permitirá ofrecer formación e experiencia laboral a vinte alumnos-traballadores durante un período de nove meses, aos que se engade o equipo directivo, docente, coordinador e administrativo formado por outras cinco persoas. 

Con todas estas iniciativas, o Concello reforza a prestación de servizos públicos esenciais durante os meses de maior actividade turística do ano e, ao mesmo tempo, contribúe á creación de oportunidades laborais e formativas, favorecendo a inserción profesional e o desenvolvemento económico e social.

Comparte éste artículo
No hay comentarios