A lei conseguida garante a transferencia da titularidade, a xestión, o respecto ao autogoberno galego e blinda as responsabilidades -tamén as económicas- do Estado.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende durante o debate final da Proposición de Lei de transferencia da AP-9 na cámara baixa que a iniciativa supón un “paso decisivo” para cumprir unha demanda histórica do pobo galego. Rego salienta que o texto acordado garante a transferencia da titularidade e da xestión da autoestrada, preserva o autogoberno galego e blinda a responsabilidade do Estado sobre as consecuencias económicas derivadas da concesión.
“Hoxe imos dar un paso decisivo para dar cumprimento a unha aspiración do pobo galego que motivou a unanimidade reiterada do Parlamento Galego e tamén un consenso da sociedade galega en relación á transferencia da AP-9” comeza sinalando o deputado do BNG durante o debate final da Proposición de Lei.
Mais, por outra parte, Rego deixa claro que “é só unha das aspiracións que ten o pobo galego en relación coa Autoestrada do Atlántico: a outra é ver que temos unha autoestrada libre de peaxes, rematando dunha vez por todas coa discriminación que implica seguir pagando portaxes por unha infraestrutura xa amortizada”.
Neste sentido, o deputado nacionalista adianta que o BNG “mantén en alto a bandeira da reclamación dunha AP-9 galega e libre de peaxes”.
O BNG cun papel decisivo frente a un PP incapaz de conseguir nada
O deputado nacionalista desmonta a campaña de propaganda realizada durante as últimas semanas polo Partido Popular e sinala que a proposta, conseguida pola negociación do BNG, que se debate e vota ten catro elementos moi claros.
“Transfírese a titularidade da AP-9, non só a xestión; transfírense todas as competencias de xestión en relación coa concesión á Administración Galega; estabelécese unha garantía absoluta de que as consecuencias -tamén as económicas- que ten adoptado o Estado en todo este tempo corresponden á Administración do Estado, cubrindo as bonificacións ou unha hipotética finalización da concesión; e respéctase o autogoberno da Galiza” explica Rego.
As garantías son “evidentes e absolutas” e, por tanto, “non hai ningunha razón para votar en contra agás que efectivamente non se queira a transferencia da AP-9 á Galiza”.
“Con trece deputados e deputadas son incapaces de conseguir nada porque renuncian a defender os intereses da Galiza e están sempre a obedecer o que lles mandan desde Madrid” afirma Rego sobre o Partido Popular, recordando que mesmo “non queren asumir que o BNG ten un papel decisivo na consecución dun logro moi importante para a Galiza”.
“Non queren a transferencia á Galiza da AP-9 e de ningunha competencia”
Segundo explica o deputado do BNG, a posición do Partido Popular enténdese perfectamente “porque estamos falando do mesmo PP que fixo unha prórroga ilegal no ano 2000, o mesmo que privatizou en 2003 a empresa pública entregándolla a fondos voitre, o mesmo que vetou no Congreso -con Ana Pastor como Presidenta- o debate para a transferencia da AP-9”.
“Vostedes non queren transferir a titularidade da AP-9 á Galiza, igual que non queren que a Galiza asuma máis competencias. Aí están os datos onde en 17 anos de Goberno só obtiveron a transferencia dunha competencia -a do litoral- e por razóns espurias” espeta Néstor Rego á bancada do Partido Popular lembrándolle que tamén se opoñen, por exemplo, á quita da débeda de 4.000 millóns de euros conseguida polo BNG “simplemente por partidismo”.
Agora, remata Rego, o Partido Popular “pon escusas de mal pagador e ármanse en exixentes do respecto ás decisión unánimes do Parlamento da Galiza” mentres o que de verdade “preferirían é que rematase esta lexislatura e que decaese unha vez máis esta lei para que esta transferencia non se fixese realidade”.