Miguel Vieito, voceiro nacionalista: “O alcalde preséntanos uns orzamentos hipotecados e destinados exclusivamente a tapar a súa mala xestión, xa que arrastramos unha debeda de máis do 25% do orzamento”.
O BNG de Outeiro votou en contra do proxecto de orzamentos presentados polo alcalde no pleno celebrado este xoves 25 de xuño. Para o BNG carece de sentido aprobar uns orzamentos cando xa pasou a metade do ano e xa estarían comprometidas todas as partidas económicas ou non habería tempo a executar outras novas. Os orzamentos tráense a destempo, o que imposibilita calquera proposta por parte da oposición.
Ademais disto, unha vez máis as contas están terxiversadas, pois leva 20 anos “inflando” os números ao incluír 1.500.000 € como investimento na urbanización da Palloza sen que nunca investira nin un céntimo.
Orzamentos para tapar a débeda
Para o BNG o máis grave aínda é o endebedamento que trae consigo esta xestión económica. A finais do pasado ano, o concello de Outeiro de Rei tiña máis de medio millón de euros en facturas pendentes, algunha con máis de 8 neses de atraso, que foron pagadas con un recoñecemento extraxudicial de crédito. Esta figura, en verbas da propia intervención municipal, non debe ser usada de forma recorrente. Opinan os nacionalistas que: «O orzamento do 2026 nace xa condicionado polos movementos realizados pola Alcaldía, o que demostra unha acción política sen rumbo, baseada na improvisación e en ir apagando lumes no que esta corporación basea a súa xestión».
Dende o BNG abordan a cuestión do Centro de Día de Outeiro de Rei, afeando á Corporación que, malia que se leva prometendo dende 2018, aínda non está en funcionamento.
O seu custo, sumarase a unhas arcas municipais xa sumamente comprometidas: “Fálannos do seu gran proxecto estrela, pero a realidade é que seguimos endebedándonos mentres Outeiro carece dunha planificación seria e dunha folla de ruta clara”, advirten.
Para o BNG, Outeiro de Rei precisa xusto o contrario do que presenta o PP: uns orzamentos realistas, elaborados en prazo, con prioridades claras, investimentos executables e unha xestión rigorosa dos recursos públicos.
“A veciñanza de Outeiro merece un futuro planificado, non unhas contas feitas para maquillar a ineficacia dun goberno que leva anos administrando o Concello sen control e sen rumbo”, conclúe Vieito.
O Bloque Nacionalista Galego reitera que seguirá fiscalizando a xestión económica do goberno municipal e defendendo un modelo de concello no que as prioridades da veciñanza estean por diante da propaganda e dos anuncios baleiros do alcalde.