O PP defenderá no vindeiro pleno que a Deputación amplíe o Museo Provincial do Mar de Cervo e asuma a xestión

Ameijide recorda que este Museo “ten un gran valor cultural” ao poñer de relevo a tradición mariñeira recollendo a historia de pescadores e pescantinas, navegantes e cazadores de baleas, redeiras e carpinteiros de ribeira, pero tamén a biodiversidade do medio marítimo.

Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no vindeiro pleno unha moción para instar á Deputación a ampliar o Museo Provincial do Mar, situado en Cervo.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que propoñemos un acordo que “non debería de xerar desacordos, xa que pretendemos o mellor acordo posible en prol de poñer en valor unha parte da nosa cultura como provincia, o mar”.

Neste senso, pedirase que se dea resposta ao compromiso existente, deacontestación e atenda a petición do Concello de Cervo, de forma que a Deputación amplíe o Museo Provincial do Mar, unha vez que o Concello lle ceda os terreos e inmoble incorporados ao patrimonio municipal, así como que a institución provincial asuma a xestión desta ampliación.

Ameijide recorda que o Museo Provincial do Mar de San Cibrao pon de relevo a fonda tradición mariñeira do municipio recollendo a historia de pescadores e pescantinas, navegantes e cazadores de baleas, redeiras e carpinteiros de ribeira, pero tamén a biodiversidade do medio marítimo, polo tanto, “é un importante foco de interese cultural e turístico”.

O actual edificio que o alberga non dispón de espazo suficiente para mostrar todo o valioso legado que se conserva e faise necesaria unha ampliación para poder expoñer os fondos dispoñibles.

“O Concello de Cervo ten amosado o seu compromiso co proxecto de ampliación,como demostran as actuacións administrativas e urbanísticas necesarias que concluíron coa incorporación ao patrimonio municipal dos terreos e o inmoble lindeiro, polo que pedimos que a Deputación tamén dea ese paso adiante”, explicou.

Neste senso, Ameijide incidiu en que “son moitos anos de traballo por parte do Concello e da súa alcaldesa” para poder cumprir coa súa parte do acordo. “Agora toca ver se a Deputación vai cumprir coa cultura da provincia e coa posta en valor da vida mariñá”.

O voceiro provincial popular sinala que “é o momento de que a institución provincial se posicione sobre a ampliación do Museo Provincial do Mar”, xa que “axestión unificada permitiría evitar a fragmentación da oferta cultural, garantir unha programación coherente e optimizar os recursos humanos e materiais, xerando ademais economías de escala e evitando duplicidades administrativas”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios