O PP denuncia que o Concello de Pol ten que facer fronte “de inmediato” ao pago de 10.000€ por reclamacións e impagos

Nicole Grueira: “Cada decisión do alcalde xera máis débeda no Concello de Pol e todos os veciños vemos como os servizos básicos que se deben de prestar non están cubertos”.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol volven a poñer de manifesto “a nefasta” xestión económica do Concello realizada por Lino Rodríguez que supón que “de inmediato” a administración local ten que facer fronte ao pago de 9.998,71€ por reclamacións e impagos.

A voceira popular, Nicole Grueira, destaca que estes pagos veñen derivados de varias sentenzas xudiciais e reclamacións realizadas por empresas que realizaron traballos para o Concello.

Neste senso, hai unha primeira sentenza xudicial que condena ao Concello de Pol a pagar as costas do proceso, estimadas en 605€. Ademais, hai outra sentenza que condena ao Concello a pagar unha factura impagada de 4.598€ e a asumir as costas procesais, valoradas en 137,21€.

Noutro decreto, autorizase o pago de 4.658,50€, reclamados por unha empresa que prestou servizos ao Concello de Pol.

“Queda claro que o gasto en avogados e indemnizacións polas neglixencias de Lino Rodríguez penalizan ás arcas do Concello, un dano que podería ser moito maior xa que esta información témola tras acceder a tres decretos, pero seguramente haxa moitos máis”, sinalou, ao que engadiu que “cómpre recordar que son moitos os acredores do Concello xa que Pol ten unha débeda de 5M€”.

Neste senso, Nicole Grueira denuncia que “cada decisión do alcalde xera máis débeda no Concello de Pol e todos os veciños vemos como os servizos básicos que se deben de prestar non están cubertos”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios