O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu á entrada do Comité Federal do PSOE que “non hai equidistancia posible” fronte a quen leva anos intentando conseguir fóra das urnas o que non foi capaz de conseguir nelas. O socialismo galego está representado nesta reunión, celebrada esta mañá en Ferraz, por unha vintena de dirixentes encabezados polo propio Besteiro.
O secretario xeral situou a reunión nun contexto de presión política que, ao seu xuizo, non ten precedentes. “Estamos a sufrir unha campaña impulsada polas dereitas contra este Goberno que cruzou todas as liñas que nunca se deben cruzar nunha democracia”, afirmou. A xornada ten tres obxectivos concretos: reforzar a organización, preparar o ciclo electoral e aprobar un novo Regulamento Federal de transparencia.
O líder socialista falou tambén desde a experiencia propia. “Sei ben o que é verse sinalado e pasar anos defendéndose de acusacións inxustas. Por iso defendo a presunción de inocencia e non ser inxenuos ante determinadas operacións de desgaste político”, dixo.
Puxo a Galicia como espello do que hoxe ocorre a nivel estatal. “Precisamente na terra de Feijóo sabemos moi ben de que falamos, porque moitas desas estratexias de desgaste político e mediático que hoxe vemos no conxunto do Estado, xa as sufrimos moito antes”.
Besteiro reivindicou o balance de oito anos de Gobernos progresistas como o mellor aval do partido. “Oito anos que trouxeron máis emprego, máis dereitos, máis protección social e mellor convivencia. Iso é o que imos defender”.