Aberta a mostra Presas e Mestras en Celanova até o 17 de xullo: unha historia das emocións

As III Xornadas Memoria e Muller remataron este domingo en Celanova coa inauguración da exposición Presas e Mestras, que permanecerá no Auditorio Municipal Ildunara até o 17 de xullo, en horario de 10.30 a 13.30 horas de luns a sábado. Aurora Marco, que minutos antes presentou o seu último ensaio sobre a mestra María Vázquez, vítima do fascismo, foi a madriña da mostra e declarou aberta a exposición na data do 28 de xuño -90 anos despois daquela votación do Estatuto, semanas antes do golpe de Estado de xullo do 36.

A exposición reúne os nomes dunhas cincuenta mestras con escola na comarca que sufriron expedientes de depuración durante a guerra e máis dun cento de presas que penaron na cadea de mulleres de Celanova entre o 36 e o 38 e no cárcere de partido nos anos cincuenta. Dalgunhas delas cóntanse as súas historias, grazas á colaboración de familias como a de Rosa Franco (Barbadás), Delfina Alonso, Ubaldina Meiriño, Ermitas Quintas (de Quins, Melón), Dolores Barreiros, María Del Valle (Ourense) ou a mestra depurada Áurea González (Verea).

Estas historias, e as voces das súas descendentes, son a parte fundamental dunha mostra que ofrece os documentos oficiais que sosteñen a sinalización do cárcere de mulleres de Celanova que levou adiante o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova en colaboración co Concello de Celanova como Lugar de Memoria, expedientes de presas veciñas de Ramirás ou A Bola, publicacións de revistas de mestres como Escola de Trabajo ou un facsímile du carné de afiliada a ATEO, colectivo de mestres republicanos, ou un xornal escolar, tamén en facsímile, dunha escola da Caniza en tempos da República na que ensinaba Benito González (irmán de Áurea, e de Julio), mestre freineteano.

Na inauguración tomaron parte o Alcalde de Celanova, Antonio Puga, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen agradeceu o traballo do Comité na organización da mostra, financiada pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática, e puxo o resultado como exemplo da posibilidade de facer que a memoria chegue ao rural a través das asociacións, alí onde o Estado ten máis dificultades para espallar as políticas de memoria derivadas da lei de memoria de 2022.

O Comité, a través do seu presidente, Hixinio Araúxo, agradeceu o compromiso da Secretaría de Estado e do Concello de Celanova, concretada esta durante a fin de semana nas Xornadas Muller e Memoria que contan coa axuda do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e que reuniron en Celanova a historiadoras e investigadores como Lola Varela, Tamara López, a propia Aurora Marco, Eliseo Fernández, Dionísio Pereira e Domingo Rodríguez Teijeiro, xunto á comisaria da mostra, Rosa Cid Galante, quen resumiu o espírito das xornadas: «Cos relatos e testemuñas das familias das vítimas, saímos da ortodoxia histórica para mergullarnos na historia das emocións. Esta perspectiva non é, por iso, menos obxectiva, xa que dá voz ao pobo. A Historia debe ser unha historia do pobo e para o pobo, o que se coñece como «Historia desde abaixo». Desde esta óptica preténdese ampliar o foco e recoñecer outras formas de protagonismo histórico, incluído o protagonismo feminino.»

As xornadas honran desde esta edición a María Rodríguez Mosquera, María Cabaco, membro fundadora e primeira vicepresidenta do Comité, falecida aos 47 anos en febreiro pasado.

FOTO: Antonio Puga, Teresa Barge (tenente de alcalde en Celanova), Eladio Santos, Aurora Marco e Hixinio Araúxo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios