A Deputación da Coruña apoia con 60.000 euros o novo fogar para familias de Ecos do Sur

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou na presentación deste recurso, que ofrecerá aloxamento temporal e acompañamento integral a persoas e familias en situación de vulnerabilidade.

A deputada de Política Social, Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou hoxe na presentación do novo fogar para familias impulsado por Ecos do Sur, un recurso destinado a ofrecer unha solución habitacional temporal e acompañamento integral a persoas e familias en situación de vulnerabilidade.

A Deputación da Coruña achega 60.000 euros para facer posible este proxecto, que permitirá ofrecer estabilidade, apoio profesional e novas oportunidades a familias que atravesan situacións especialmente difíciles.

Durante a visita, Mar García Vidal puxo en valor o traballo de Ecos do Sur e destacou a importancia de contar con recursos que combinen aloxamento, atención social e acompañamento personalizado. “Ademáis dun teito baixo o que protexerse, un fogar é seguridade, estabilidade e a posibilidade de recuperar pouco a pouco un proxecto de vida”, afirmou a deputada.

García Vidal salientou tamén o papel fundamental das entidades sociais na atención ás persoas máis vulnerables e defendeu a colaboración entre administracións públicas e terceiro sector como unha vía imprescindible para dar resposta a problemas como o acceso á vivenda, a exclusión social ou a falta de redes de apoio.

“Na Deputación queremos estar ao lado das entidades que traballan cada día sobre o terreo, coñecendo as necesidades das persoas e ofrecendo respostas útiles. Proxectos como este demostran que a cooperación institucional e social pode traducirse en oportunidades reais para quen máis o necesita”, sinalou.

A deputada felicitou ao equipo de Ecos do Sur polo impulso deste novo recurso e agradeceu a implicación de todas as administracións e entidades colaboradoras que participaron no proxecto.

Comparte éste artículo
No hay comentarios