Os senadores do PP esixen ao Goberno que desbloquee de inmediato a segunda rotonda de Cangas de Foz de cuxo retraso o Ministerio responsabiliza ao Concello

Balseiro lembra que a previsión inicial era que ambas as dúas rotondas estivesen rematadas antes de 2025 e lamenta que, máis dun ano despois da posta en servizo da primeira, a segunda continúe paralizada.

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- reclamaron ao Goberno de España que desbloquee de maneira inmediata a construción da segunda rotonda prevista na N-642, ao seu paso por Cangas de Foz (na intersección coa estrada que comunica co Valadouro), unha infraestrutura fundamental para mellorar a seguridade viaria nun dos puntos con maior intensidade de tráfico da Mariña.

A resposta remitida polo Executivo a unha iniciativa parlamentaria presentada polos representantes lucenses confirma que a segunda glorieta continúa sen executarse. O Ministerio responsabiliza do retraso ao Concello e á empresa Begasa, que aínda non acometeron as modificacións dos servizos afectados que, segundo o Ministerio, aínda en tramitación.

O senador José Manuel Balseiro considera que esta contestación evidencia a falta de planificación e de compromiso do Ministerio de Transportes. “O Goberno limítase a trasladar a responsabilidade a terceiros e segue sen ofrecer unha data de inicio nin un calendario de finalización das obras, algo incomprensible nunha actuación que foi anunciada como prioritaria para a seguridade viaria da comarca”, sinalou.

Balseiro lembra que a previsión inicial era que ambas as dúas rotondas estivesen rematadas antes de 2025 e lamenta que, máis dun ano despois da posta en servizo da primeira, a segunda continúe paralizada. “Estamos a falar dun cruce especialmente sensible, que soporta un importante volume de tráfico e no que é necesario actuar canto antes para reducir os riscos e mellorar a mobilidade”, indicou.

Falta de planificación e dun plan que evite longas retencións

O senador popular engadiu que “o Executivo recoñece implicitamente que a actuación está adxudicada e preparada para executarse, pero segue sen resolver cuestións previas que deberían terse planificado con suficiente antelación para evitar novos atrasos”.

Os representantes do PP no Senado tamén reclamaron que, mentres non se materializa a obra, se adopten medidas complementarias que reforcen a seguridade no cruzamento e que se garanta unha correcta planificación dos traballos para evitar os problemas de circulación e as importantes retencións que se produciron durante a execución da primeira glorieta, especialmente dos vehículos das persoas que traballan no hospital da Costa, en Alcoa e no porto de Burela, entre outros.

“Os veciños da Mariña merecen infraestruturas seguras e unha administración que cumpra os compromisos adquiridos. Non é aceptable que unha actuación anunciada hai anos siga sen avances reais nin explicacións por parte do Goberno”, concluíu José Manuel Balseiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios