A Deputación apoia unha nova edición de Mundos Digitales, que situará A Coruña no centro internacional da creación dixital

Valentín González Formoso participou no CEI na presentación da 24ª edición do congreso, que reunirá na Coruña a expertos no ámbito dixital que están definindo o futuro do entretemento.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá no CEI da Coruña na presentación da 24ª edición de Mundos Digitales, o Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media, que se celebrará na Coruña do 9 ao 11 de xullo.

O congreso volverá reunir na cidade a profesionais e estudos de referencia internacional nos ámbitos da animación, os efectos visuais, os videoxogos, a intelixencia artificial, a produción virtual e as novas experiencias inmersivas. A edición deste ano abordará algúns dos grandes procesos de transformación que vive a industria audiovisual e do entretemento, cun programa no que terán protagonismo a converxencia tecnolóxica, os novos formatos narrativos, a creación interactiva e os retos éticos e legais da intelixencia artificial.

Formoso destacou que para a Deputación “é unha honra colaborar cun dos grandes eventos de referencia en España e en Europa no ámbito da creación dixital”, un congreso pioneiro no seu ámbito que “naceu na Coruña hai case un cuarto de século e que cada ano volve situar A Coruña e Galicia no mapa internacional da animación, os efectos visuais, os videoxogos, a intelixencia artificial e a produción virtual”.

O presidente subliñou que a Deputación apoia Mundos Digitales porque representa “o camiño que queremos seguir: unir talento, tecnoloxía, industria, formación e emprego, e facelo desde A Coruña, demostrando que este territorio pode competir ao máximo nivel nun dos sectores con maior proxección de futuro”.

A presentación celebrouse no CEI (Coruña Estudio Inmersivo), o maior plató virtual de España e un dos máis importantes de Europa, situado na Cidade das TIC. Formoso lembrou que esta infraestrutura “hai apenas uns anos era un soño e hoxe é xa unha realidade ao servizo do sector audiovisual galego e español”.

“O CEI abre novas posibilidades para o cine, a televisión, a publicidade, a moda, os videoxogos ou a animación; permite aforrar tempos e custos de produción e atraer novos proxectos, pero sobre todo pon unha ferramenta de primeiro nivel á disposición do talento galego e das empresas do noso sector”, afirmou.

O presidente incidiu en que o obxectivo da Deputación é que “o talento non teña que marchar para atopar oportunidades” e que as empresas audiovisuais galegas conten aquí con infraestruturas capaces de competir coas mellores do mundo. “Queremos que A Coruña sexa un lugar onde se pensa, se crea, se produce e se innova”, sinalou.

Formoso destacou tamén a importancia da localización do CEI na Cidade das TIC, “para que o audiovisual e a tecnoloxía se atopen nun mesmo ecosistema” e para favorecer a colaboración entre empresas tecnolóxicas, produtoras, centros de coñecemento e novos perfís profesionais. Segundo explicou, o CEI está actuando xa como unha infraestrutura tractora, dinamizando a contorna e impulsando novas oportunidades arredor da produción audiovisual.

Nesta edición, Mundos Digitales incorpora o CEI como novo punto de encontro coa xornada profesional “Producción Virtual: el futuro de la creación digital”, impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración co congreso. A cita está dirixida a profesionais, empresas, creadores, técnicos e institucións, co obxectivo de achegar as posibilidades creativas e tecnolóxicas da produción virtual e favorecer novas alianzas no sector.

A programación de Mundos Digitales 2026 incluirá máis de cincuenta citas profesionais e contará con nomes destacados como Paul Debevec, responsable de investigación en produción de contidos de Netflix; Sara Bennett, gañadora dun Oscar aos mellores efectos visuais por Ex Machina; Christina Caspers, directora xeral de TRIXTER e produtora executiva de Cinesite Group; ou profesionais vinculados a estudos internacionais e producións globais. Tamén haberá espazo para o talento español, con presentacións como a de El Ranchito sobre o seu traballo na serie The Boys.

Ademais das conferencias e presentacións, o congreso volverá contar con actividades xa consolidadas como os encontros “Coffee With”, a Feira de Emprego, o Festival Internacional de Animación, talleres, proxeccións, demostracións e espazos de encontro profesional.

Formoso agradeceu o traballo de Manuel Meijide e de toda a organización de Mundos Digitales, así como a colaboración das institucións que fan posible esta nova edición, entre elas a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e a Deputación da Coruña.

“Entre todos estamos construíndo un ecosistema que hai uns anos parecía unha quimera e que hoxe empeza a ter forma real: infraestruturas, empresas, talento, formación, innovación e eventos internacionais que sitúan A Coruña no centro da creación dixital”, afirmou o presidente.

Formoso concluíu que Mundos Digitales “demostra que desde aquí podemos participar na transformación global do audiovisual. A Coruña está preparada para volver ser, durante estes días, o epicentro da creación dixital. E estou convencido de que unha parte importante do futuro do sector audiovisual terá selo e acento coruñés”, rematou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios