O colectivo Agromuralla, que reúne a 400 explotacións de vacún de leite e carne de toda Galicia, esixe «a retirada inmediata» da orde da Xunta de Galicia que restrinxe o traballo da maquinaria agrícola e forestal entre as 12:00 e as 18:00 horas durante os meses de xullo, agosto e setembro.
A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, alerta de que esta normativa —publicada no DOG o pasado luns 29 de xuño— «impide a realización de traballos agrarios esenciais, como a recollida da herba seca, que necesariamente se teñen que realizar na franxa central do día».
«Semella un sen sentido ter que explicarlle á Administración que a herba para o gando temos que recollela seca, precisamente pola acción do sol, para que a forraxe manteña a súa calidade e estea libre de fungos. Non podemos recollela cando chove ou co resío das mañás», evidencia Rodríguez, quen tacha de «despropósito» unha normativa aprobada sen consenso nin consultas cos sectores afectados.
Culpabilizar aos que evitan os lumes e sobrecustos inasumibles
Desde a asociación destacan que os traballos agrícolas en fincas próximas ao monte (a orde aplícase a parcelas a menos de 400 metros da masa forestal) contribúen precisamente a frear a propagación dos incendios. Agromuralla critica que, tras a vaga de lumes que arrasou Ourense e o sur de Lugo o verán pasado, a Xunta «non fixo nada en prevención durante o ano» e agora opta por «demonizar aos que viven e traballan no medio rural».
Rodríguez denuncia que Medio Rural se limitou a «copiar e pegar» unha normativa deseñada para as colleitadoras de cereal de Castela e León, sen ter en conta que nin o tipo de fincas, nin a maquinaria, nin o clima son equiparables aos de Galicia. Ademais, alerta sobre os custos inasumibles que supón esixir ás granxas depósitos de auga de 400 litros e persoal de vixiancia de xeito obrigatorio e sen marxe de adaptación.
«¿Quen vai pagar este sobrecusto? ¿Quen vai formar aos gandeiros en tarefas de extinción? ¿Non sería máis práctico que a Administración limpase os montes durante todo o ano?», pregúntase a presidenta do colectivo.
Facilitar o uso de fincas abandonadas e críticas polas axudas pendentes
Como alternativa eficaz de prevención, Agromuralla reclama á Xunta que facilite de xeito urxente o uso das fincas abandonadas por parte das granxas próximas, activando os mecanismos recolleitos na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia de 2021. «A gandería cumpre unha función esencial na xestión activa do territorio e o mantemento dos mosaicos agroforestais, que son o mellor cortalumes natural», lembran.
Finalmente, a asociación puxo en valor a rede de solidariedade gandeira que permitiu enviar máis de 40 camións de forraxe e silo ás zonas máis afectadas polos lumes en Ourense e Quiroga. Un esforzo colectivo que contrasta, denuncian, coa xestión política: «A día de hoxe, a Administración nin sequera lles pagou ás explotacións damnificadas o verán pasado as axudas prometidas. Se non fose polo apoio entre gandeiros, teriamos que lamentar o peche de ducias de granxas», concluíu Noelia Rodríguez.