O Alcalde e a Delegada da Xunta visitaron o obradoiro dual de emprego A Laracha X

José Manuel López Varela e Belén do Campo mantiveron un encontro co alumnado e co equipo técnico no lugar no que se realiza a fase teórica do programa.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron hoxe o Obradoiro Dual de Emprego A Laracha X para saudar aos participantes e coñecer de primeira man o desenvolvemento desta iniciativa de formación e emprego que xa está en marcha e que permitirá mellorar a cualificación profesional de vinte persoas desempregadas.

A visita realizouse no centro formativo co que conta o Concello nunha nave municipal situada no parque empresarial. Nestas instalacións estase a impartir a fase teórica do obradoiro e tamén se atopa o taller no que o alumnado realizará parte da formación práctica antes de iniciar os traballos previstos en diferentes espazos públicos do termo municipal.

Durante o encontro, José Manuel López Varela e Belén do Campo tiveron ocasión de conversar co alumnado-traballador e co equipo de profesionais encargado da dirección, formación e xestión do programa, interesándose polo desenvolvemento das dúas especialidades que se imparten: instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e traballos de carpintería e moble.

O alcalde transmitiu o “agradecemento á Xunta de Galicia” e animou ao alumnado a aproveitar a oportunidade que terá de formarse e obter o certificado de profesionalidade ao tempo que percibe unha remuneración económica pola participación no obradoiro.

A delegada da Xunta tamén expresou o seu agradecemento e felicitación ao Concello por “preocuparse por buscar unha saída profesional aos veciños que se atopan en situación de desemprego”, ofrecendo esta oportunidade formativa “en dúas ramas nas que hai necesidade de traballadores cualificados”. Tamén se dirixiu ao alumnado, considerando que “tendes que sentir unha satisfacción persoal ao facer traballos de interese xeral para o concello”, apuntando que finalmente “serán os veciños da Laracha os que avalíen os resultados da vosa fase práctica”, en alusión ás actuacións que levarán a cabo durante os próximos meses.

Nesa fase práctica o alumnado executará intervencións en diferentes espazos públicos do municipio. En concreto, levaranse a cabo a renovación das pontes de madeira da área recreativa de Gabenlle, melloras nos parques das prazas do Concello, O Recreo e da Cultura (todas no núcleo urbano da Laracha), axardinamento da contorna da reitoral de Montemaior e adecuación da área verde da urbanización Monte Claro, en Cabovilaño. Estas intervencións completaranse coa instalación de novo mobiliario urbano en varias localizacións.

O Obradoiro Dual de Emprego A Laracha X ten unha duración de nove meses e un orzamento de 673.000 euros. Durante ese período, as vinte persoas participantes combinarán a formación teórica e práctica. Ao remate do programa, e sempre que o superen con éxito, obterán o correspondente certificado de profesionalidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios