Néstor Rego destaca que a transferencia da titularidade da Autoestrada do Atlántico é un paso histórico conseguido grazas á acción política do BNG.
O Bloque Nacionalista Galego realiza un acto para reivindicar o traballo desenvolvido pola organización nacionalista durante anos para conseguir unha “AP-9 galega e sen peaxes”, reivindicación histórica do pobo galego que, grazas á acción política do BNG, deu pasos decisivos durante esta lexislatura.
No acto participaron o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, así como simpatizantes e militantes da organización e cargos orgánicos e institucionais do BNG como as alcaldesas de Moaña e Cangas, Leticia Santos e Araceli Gestido, o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Paulo Ríos, e a responsábel de organización do BNG, Lucía López Sobrado. Poñen en valor o papel determinante da organización nacionalista para desbloquear a transferencia da titularidade da Autoestrada do Atlántico e para conseguir importantes avances como as bonificacións de até 75% para usuarias recorrentes.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, destaca que a aprobación da Proposición de Lei para a transferencia da AP-9 na cámara baixa supón «un paso decisivo para cumprir unha demanda histórica do pobo galego.
«O texto conseguido polo BNG garante a transferencia da titularidade e de todas as competencias de xestión da AP-9, preserva o autogoberno galego e asegura que sexa o Estado quen asuma todas as consecuencias –incluídas as económicas- derivadas das decisións adoptadas ao longo destes anos» salienta Néstor.
Rego lembra que, aínda que a transferencia constitúe un avance histórico, «o obxectivo do BNG non remata aquí». «Seguimos mantendo en alto a bandeira dunha AP-9 galega e libre de peaxes. Non é aceptábel que a cidadanía galega continúe pagando por unha infraestrutura máis que amortizada mentres noutras partes do Estado se levantan as peaxes» afirma.
O deputado nacionalista tamén reivindica o papel decisivo do BNG para facer avanzar esta demanda frente á inacción doutras formacións políticas. «Foi a capacidade de negociación do BNG a que permitiu desbloquear esta iniciativa e garantir unha transferencia con todas as garantías. Outros, malia contar con máis representación, foron incapaces de conseguir ningún avance porque antepoñen os intereses dos seus partidos en Madrid aos intereses da Galiza» sinala.
Carme da Silva lembra que o Partido Popular «leva anos poñendo obstáculos á transferencia da AP-9», recordando a prórroga da concesión aprobada no ano 2000, a privatización da empresa pública concesionaria e os vetos impostos no Congreso á tramitación desta iniciativa. «Agora non teñen escusas para impedir que a Galiza asuma unha competencia que leva anos reclamando por unanimidade o Parlamento galego» afirma a senadora nacionalista.
«A transferencia da AP-9 responde a un acordo unánime do Parlamento de Galiza e a unha demanda compartida pola sociedade galega. Agardamos que o Partido Popular estea á altura” destaca.
Da Silva reclama á Xunta de Galiza que «exerza plenamente as súas responsabilidades e impulse a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para avanzar na materialización desta competencia».
A senadora nacionalista pon en valor o traballo constante desenvolto polo BNG durante anos para desbloquear a transferencia da AP-9. «Cada vez que esta reivindicación avanzou foi grazas á iniciativa e á perseveranza do BNG, tanto nas institucións galegas como nas Cortes Xerais» destaca.
Do mesmo xeito, lembra que «foi tamén o BNG quen conseguiu as maiores rebaixas da historia nas portaxes da AP-9, reducindo o custo que soportan diariamente miles de persoas usuarias da autoestrada, ao tempo que continúa defendendo a eliminación definitiva das
O BNG reafirma o seu compromiso de continuar traballando «até conseguir que a Galiza dispoña dunha AP-9 plenamente galega e libre de peaxes, porque é unha cuestión de xustiza, de igualdade e de defensa dos intereses do noso País».