Un investigador do CICA participa nun estudo internacional que explica por que as células solares do futuro aínda teñen dificultades para chegar ao mercado

Os resultados desta investigación contribúen a identificar os mecanismos que limitan actualmente a durabilidade e ofrecen novas estratexias para mellorar o seu rendemento futuro.

Alberto García, investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, participa nun estudo internacional que axuda a comprender un dos principais obstáculos para a chegada ao mercado das células solares de perovskita, unha tecnoloxía chamada a transformar a produción de enerxía renovable nas próximas décadas.

O traballo, publicado na revista “EES Solar, analiza que ocorre nas capas internas destes dispositivos durante a súa fabricación. As células solares de perovskita alcanzaron nos últimos anos niveis de eficiencia comparables aos das tecnoloxías fotovoltaicas convencionais, pero a súa estabilidade a longo prazo continúa sendo un dos grandes desafíos para a súa comercialización.

Para comprender mellor a orixe destes problemas, o estudo en colaboración coa universidade de Uppsala (Suecia) recreou en condicións altamente controladas as interfaces internas dunha célula solar de perovskita e analizou, capa a capa, as reaccións químicas que se producen durante a ensamblaxe dos distintos materiais que compoñen o dispositivo.

Os resultados revelan que algúns dos materiais empregados habitualmente como contacto metálico poden desencadear procesos de degradación desde as primeiras etapas de fabricación. En concreto, os investigadores observaron movementos de ións no interior da célula e reaccións químicas capaces de alterar a estrutura da perovskita, o material responsable de captar a luz solar e transformala en electricidade.

O estudo demostra, ademais, que determinadas capas protectoras poden reducir parte destes procesos de degradación, achegando novas pistas para o deseño de dispositivos máis estables e duradeiros. Segundo os autores, comprender o que sucede nestas interfaces resulta fundamental para acelerar o desenvolvemento dunha nova xeración de paneis solares máis eficientes, lixeiros e económicos.

As células solares de perovskita están consideradas unha das tecnoloxías emerxentes máis prometedoras para avanzar cara a unha transición enerxética sostible. A súa fabricación require menos material e pode realizarse mediante procesos de baixo custo, o que abre a porta a futuras aplicacións como paneis solares flexibles, dispositivos integrados en edificios ou mesmo ventás capaces de producir electricidade.

Con todo, garantir a súa estabilidade ao longo do tempo continúa sendo un dos principais retos científicos e tecnolóxicos do sector. Os resultados deste traballo contribúen a identificar os mecanismos que limitan actualmente a durabilidadedestes dispositivos e ofrecen novas estratexias para mellorar o seu rendemento futuro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios