Dirixido a nenos de 4 a 6 anos de idade, realizouse do pasado luns ao venres cunha ampla programación de actividades lúdicas e educativas.
Ao longo desta semana realizouse a primeira edición do Campamento Pirata, unha nova proposta de lecer infantil organizada polo Concello dentro da programación de verán e dirixida a nenos de entre 4 e 6 anos de idade.
A actividade desenvolveuse desde o luns e ata hoxe venres no pavillón do IES Agra de Leborís, onde os participantes desfrutaron dun amplo programa con propostas lúdicas, educativas e recreativas adaptadas á súa idade. Ao longo da semana realizáronse diferentes obradoiros, xogos, xincanas e actividades de elaboración de disfraces, combinando o entretemento coa creatividade e o traballo en equipo nun ambiente participativo.
Esta primeira edición do Campamento Pirata saldouse cun notable éxito de participación, xa que se cubriron a totalidade das cincuenta prazas ofertadas.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Deportes e Ensino, Patricia Bello, visitaron o campamento para interesarse polo seu desenvolvemento e compartir un tempo cos nenos participantes.
Con este tipo de iniciativas o Concello continúa ampliando a programación municipal de verán dirixida á infancia, ofrecéndolles alternativas de lecer educativo e activo durante a época de vacacións nos centros de ensino.