O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á Xunta de Galicia que garanta un “aumento real dos recursos” no novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Así o trasladou tras unha reunión coa nova reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras, onde advertiu que “non pode haber un recoñecemento da excelencia con recursos insuficientes”.
Besteiro reclamou que o Goberno galego traslade o incremento do 40% das achegas do Estado recibidas nos últimos anos directamente ao sistema universitario para manter a calidade docente, atraer talento e soster o enorme patrimonio histórico da USC.
Vivenda, mestrados e titulacións
Durante o encontro, o líder socialista puxo sobre a mesa tres demandas clave:
- Máis residencias públicas: Ampliar a rede de vivendas universitarias nos campus de Santiago e Lugo para paliar a escalada de prezos do alugueiro.
- Mestrados gratuítos: Financiar a gratuidade da primeira matrícula tanto nos graos como nos mestrados para cubrir o ciclo completo de estudos superiores.
- Campus de Lugo: Garantir a autonomía e permanencia da titulación de Enfermaría en Lugo, sen poñer en cuestión a súa viabilidade.
Críticas ao PP pola Lei de Netos
Por outra banda, Besteiro acusou a Alfonso Rueda e a Alberto Núñez Feijóo de «traizoar a memoria» da emigración galega polas súas críticas á Lei de Netos e por rexeitar agora o dereito ao voto dos descendentes no exterior.
O responsable do PSdeG lamentou que o PP se sume aos postulados de Vox, creando «galegos de primeira e de segunda», e criticou a súa «pouca memoria democrática» ao incumprir o mandato de defender aos galegos e galegas alí onde estean.