O BNG leva ao Parlamento que a TVG adquira os dereitos de emisión dos partidos do Breogán e do Ensino

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, anunciou que presentará unha serie de iniciativas para instar á TVG que adquira os dereitos e emita os partidos das equipas galegas de baloncesto nas máximas categorías do estado. Olalla Rodil afirmou que «a ninguén escapa a afección que se sente, non só no concello de Lugo, polo C.B. Breogán e o ensino, a cidade e o conxunto de Galiza temos a sorte e o orgullo de vivir un momento histórico con ata 6 equipas nas máximas categorías do baloncesto tanto masculino coma feminino», e engadiu «a radio e a televisión públicas de Galiza teñen que estar á altura deste momento histórico e facerse coa retransmisión dos partidos nos que compitan as equipas galegas«.

Olalla Rodil afirmou que «entendemos o disparatado mercado dos dereitos de emisión deportiva, do práctico monopolio dos mesmos e o abuso de poder que as grandes produtoras exercen sobre as televisións máis modestas, máis o certo é que outras corporacións públicas, como é o caso da televisión pública de Catalunya, xa emitiron na tempada pasada os partidos de equipas das súas áreas de influencia».

A deputada do BNG subliña que tanto as institucións como os medios públicos deben acompañar o bo momento do baloncesto e do deporte galego, para consolidar unha etapa que cualifica de «dourada» nun momento histórico que non se repetía desde o ano 1994 cando Galzia contaba co CB Breogán, Clube Ourense Baloncesto e OAR Ferrol na máxima categoría.

Neste sentido, o Vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, afirmou que para manter a «época dourada» do baloncesto galego «fai falta un compromiso forte das administracións». Castro lembrou que a Deputación de Lugo «é o máximo patrocinador institucional de todas as equipas da nosa provincia, ademáis de fortes inversións nas instalacións». Castro criticou que «as administracións administración con moito máis orzamento que a Deputación está a deixar colgados compromisos moi importantes para as nosas equipas.”

Comparte éste artículo
No hay comentarios