Antonio Ameijide tamén lembra que esta adxudicación súmase á contratación dunha produtora afín para emitir un filme en 112 centros de ensino, “nunha clara estratexia de tentar orientar ideoloxicamente aos mozos da nosa provincia”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, volveu a poñer o foco na política de contratacións que realizan o PSOE e o BNG dende o goberno provincial, cualificando de “fóra de toda ética” que sigan a destinar fondos públicos cara a empresas do contorno directo de altos cargos nacionalistas.
Ameijide explicou que detectamos un novo decreto, con data do 29 de maio, no que figura un gasto de 40.476€ destinados á “subscrición dixital e en papel ao xornal Nós Diario para diversos centros provinciais”.
O voceiro popular lembrou que este medio de comunicación está participado por empresas das que son accionistas destacados altos cargos do BNG, como a propia portavoz nacional, Ana Pontón, ou a deputada Olalla Rodil.
“Sempre escoitamos presumir aos representantes do BNG da súa suposta transparencia e honestidade, pero a realidade demostra que a súa ética queda totalmente cuestionada cando utilizan as institucións para beneficiar economicamente aos seus”, afirmou Ameijide.
Para Antonio Ameijide este novo contrato non é un feito illado, senón que forma parte dunha “práctica continuada e totalmente reprobable”. Así, vinculou este gasto en prensa institucional coa denuncia realizada hai uns meses dende o Grupo Provincial Popular respecto á contratación dunha produtora cinematográfica do contorno do BNG, por valor de máis de 40.000€, para emitir un filme en 112 centros de ensino de toda a provincia.
O voceiro popular insistiu en que aquela adxudicación tiña unha “clara estratexia de tentar orientar ideoloxicamente aos mozos da provincia con este tipo de emisións, unha postura que non se debería de permitir” dende unha administración pública.
Os deputados populares esixen ao goberno de PSOE e BNG que cesen de inmediato estas contratacións de “amiguismo político”. “A Deputación de Lugo non pode ser o caixeiro automático co que os nacionalistas financian os seus medios e as súas redes de influencia, mentres se esquecen das necesidades reais dos veciños da provincia”, concluíu.