Segundo os datos recentes, a calor extrema supón unha suba do risco de mortalidade de ata o 60%.
O BNG de Lugo solicita ao Goberno municipal a adopción de medidas específicas para protexer a saúde do persoal municipal diante das altas temperaturas do verán, que nos últimos anos están a acadar niveis especialmente elevados. Rubén Arroxo, portavoz do BNG en Lugo, afirmou que “é preciso adaptar os horarios de traballo do persoal de servizos como as brigadas municipais, co obxectivo de evitar que desenvolvan a súa actividade nas horas centrais do día, cando se rexistran as temperaturas máis altas”.
Os diversos estudos realizados alertan do impacto do calor extremo na saúde, chegando a provocar un incremento do risco de mortalidade de ata un 60%, especialmente en colectivos expostos ao aire libre durante longos períodos. “Non estamos só ante unha cuestión laboral, senón tamén de saúde pública e prevención de riscos”, subliñou o portavoz do BNG.
Arroxo lembrou que o Concello xa aplicou medidas semellantes durante o pasado verán, adaptando horarios e protocolos para determinados servizos. “Agardamos que o actual Goberno do PP manteña e amplíe estas iniciativas, demostrando unha verdadeira preocupación polo benestar das e dos traballadores municipais”, indicou Arroxo.
No ano 2025, diversos servizos municipais modificaron os seus horarios para minimizar a exposición do persoal municipal e das persoas usuarias aos riscos asociados ás altas temperaturas. Trátase de servizos que desenvolven a súa xornada no exterior, como o Cemiterio Municipal ou os servizos que traballan na rúa, que modificaron o seu horario de traballo priorizando sempre o benestar e a seguridade do persoal.