Balseiro denuncia que o Goberno de Sánchez «se esconde detrás de frases baleiras» para non explicar o recorte do primeiro tramo da A-74

Os senadores lucenses do PP acusan ao Executivo de Sánchez de responder con evasivas e negarse a aclarar por que reduciu en case cinco quilómetros o proxecto inicial da Autovía da Mariña.

Os senadores lucenses do Partido Popular -José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- denuncian a “absoluta falta de transparencia” do Goberno de Pedro Sánchez tras recibir a resposta á iniciativa parlamentaria na que se lle solicitaban explicacións sobre o recorte do primeiro tramo da Autovía da Mariña (A-74).

O senador mariñán José Manuel Balseiro considera que o Executivo “lonxe de ofrecer información, opta por agocharse detrás dunha frase feita”, ao limitarse a afirmar que a nova división da autovía responde a “criterios de funcionalidade e eficiencia administrativa”, sen achegar unha soa explicación concreta que xustifique a decisión.

“O Goberno non explica por que un tramo que inicialmente tiña 11,15 quilómetros pasou a quedar reducido a 6,3 quilómetros, nin que vantaxes supón esa decisión para a execución da infraestrutura. Tampouco aclara quen a adoptou nin en que informes técnicos se basea», censurou o senador mariñán.

MÁIS OPACIDADE E MENOS AUTOVÍA

Para os populares, esta resposta evidencia “a forma de actuar habitual do Ministerio de Transportes: moita propaganda, pero ningunha explicación cando se lle piden contas”.

Balseiro lamenta que “cada vez que Lugo pregunta polos atrasos ou polos cambios nas súas infraestruturas, o Goberno responde con frases xenéricas que non din absolutamente nada”. Ao seu xuízo, “é unha falta de respecto aos veciños da Mariña, que levan demasiados anos esperando por unha autovía imprescindible para a seguridade viaria e o desenvolvemento económico da comarca”.

O senador recorda que foi o propio Goberno quen modificou a configuración inicialmente prevista para a A-74, fragmentando o trazado en subtramos e reducindo o alcance do primeiro deles, “pero agora négase a explicar por que o fixo”.

NOVAS INICIATIVAS NO SENADO

Ante esta resposta, os senadores lucenses do PP rexistrarán unha nova batería de preguntas no Senado para obrigar ao Executivo a concretar que criterios de funcionalidade e eficiencia administrativa motivaron realmente ese recorte, que informes técnicos avalan a decisión e que vantaxes obxectivas achega respecto do proxecto inicialmente sometido a información pública en 2018.


“Os lucenses teñen dereito a saber por que o Goberno cambiou o proxecto da A-74 e por que segue atrasando unha infraestrutura estratéxica para A Mariña. Non imos aceptar respostas baleiras nin evasivas. Seguiremos esixindo transparencia, explicacións e, sobre todo, feitos», concluíu Balseiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios