Lugo acolle a presentación da proba deportiva “Games Series” que se celebrará este domingo nas pistas de atletismo con máis de 300 atletas inscritos

As pistas de atletismo municipais Gregorio Pérez Rivera de Lugo foron o escenario da presentación oficial da terceira parada das GAMES SERIES, a Liga Galega de Deporte Híbrido. O acto de presentación contou coa destacada presenza institucional do concelleiro de deportes, Damián Carballo, e do delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares.

Que son as GAMES SERIES?

As GAMES SERIES son unha innovadora competición de fitness ao aire libre que combina de forma intercalada 4 quilómetros de carreira con 9 estacións de esixentes exercicios físicos. Trátase dunha competición aberta a calquera persoa, sen necesidade de clasificación previa, cuxo obxectivo primordial é a difusión desta nova modalidade e o fomento dos valores do deporte e a saúde.

O formato de carreira está estandarizado para disputarse sempre en estadios de atletismo. Os atletas deben completar 10 tramos de carreira de 400 metros (unha volta á pista) intercalados cunha entrada á zona de estacións situada no céspede interior. A proba finaliza unha vez completadas as 9 estacións e cruzada a liña de meta tras a última volta.

A competición divídese en dúas modalidades: Individual (Masculina e Feminina) e Dobres (Masculina, Feminina e Mixta). Na modalidade por parellas, ambos atletas deben correr xuntos, pero poden repartirse o traballo e as repeticións das estacións do xeito que prefiran, sempre que un traballe e o outro descanse detrás.

As 9 estacións que desafiarán aos deportistas son as seguintes:

  • Estación 1: 500 metros en máquina de remo (Rowing).
  • Estación 2: 50 repeticións de saltos ou subidas ao caixón (Box step/jump over).
  • Estación 3: 100 metros de transporte de saco Husafell de 30 kg.
  • Estación 4: 200 metros de paseo do granxeiro (Farmers carry) con dúas pesas rusas (kettlebells) de 20 kg.
  • Estación 5: 50 abdominais con balón medicinal de 7 kg (Ball sit-ups).
  • Estación 6: 60 metros de zancadas cun saco de 20 kg (Sandbag lunges).
  • Estación 7: 20 metros de «paso do oso» desprazando un slamball de 30 kg (Slamball bear crawl).
  • Estación 8: 50 lanzamentos de balón medicinal de 6 kg a unha diana a 2,70 metros de altura (Wallball).
  • Estación 9: 60 metros avanzando con saltos tras burpee (Burpee salto).

Unha sede decisiva para a Liga e a Gran Final

O evento de Lugo é unha das catro semifinais provinciais que compoñen o calendario desta tempada. Como novidade nesta edición de 2026, as GAMES SERIES puntuarán nun formato de liga regular. Os 15 primeiros clasificados absolutos de cada proba sumarán puntos para a clasificación xeral, co obxectivo de coroar aos campións da regularidade tras a finalización das catro sedes.

Ademais dos puntos para a liga, a cita lucense porá en xogo o acceso directo á ansiada FINAL GAMES SERIES, que se celebrará na Estrada o 27 de setembro de 2026. Os 3 primeiros clasificados de cada unha das categorías absolutas en Lugo obterán directamente a súa praza para competir na tanda final polo título de campións absolutos de Galicia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios