O alcalde de Pol anunciou no Pleno que vai deixar de pagar a limpeza, a auga e a luz do colexio

Nicole Grueira censura “as malas formas do alcalde, as calumnias cara a miña persoa e as constantes interrupcións” durante a sesión ordinaria e denuncia “o veto ao labor de oposición por parte do Partido Popular”.

A portavoz do PP de Pol, Nicole Grueira, condena unha vez máis “as malas formas do alcalde, a falta de respecto, as calumnias sen fundamento cara a miña persoa; ademais de cortarme a palabra en numerosas ocasións para non deixarme falar e exercer o meu dereito a intervir no Pleno e facer preguntas ao goberno”.

A popular considera “unha pena” que “a crispación sexa a protagonista nos Plenos do Concello de Pol nos que se debería debater, informar e intentar chegar a acordos en beneficio dos veciños e veciñas; algo totalmente imposible coa actitude arrogante do alcalde”. Grueira subliña que “é imposible debater coas interrupcións constantes tanto do PSOE como do BNG” porque “non hai orde” e “o alcalde córtame a palabra cando lle parece”.

A pesar de que non puido formular todas as preguntas previstas, a portavoz do Partido Popular chegou a interesarse pola situación do colexio público e o cumprimento do deber do Concello de atender ás competencias municipais. Neste punto, “o alcalde asegurou que iba deixar de pagar a limpeza, a auga e a luz” derivando a súa responsabilidade á administración autonómica: “que o faga todo a Xunta”, dixo.

Nicole Grueira tamén denuncia “o veto do alcalde á oposición por parte do Partido Popular” que indica que “non lle gusta o noso labor”. De feito, “fai todo o posible por evitar debater con nós: non inclúe as nosas mocións nas ordes do día para os Plenos e convócaos facéndoos coincidir cos Plenos no Parlamento de Galicia onde sabe que, como deputada autonómica, teño o deber de asistir”. Con todo, a popular explicou que pretende seguir participando nos Plenos municipais “por compromiso cos veciños e veciñas de Pol”.

A popular tamén incidiu en que “na sesión plenaria deste mércores o alcalde non incluíu ningunha das mocións do PP; pero si unha do BNG”. Neste punto, sobre a asistencia sanitaria no municipio, Grueira lembrou que “a falta de profesionais sanitarios que sofre todo o Estado tamén afecta ao noso municipio” e incidiu en que “o Goberno de Sánchez é o que ten a competencia para permitir formar máis médicos”. Nese sentido, presentou unha emenda para “esixir á Xunta garantir a mellor asistencia sanitaria cos recursos actualmente dispoñibles, como así está facendo; pero, ao non ser aceptada, tivemos que rexeitar a iniciativa”, apunta.

O CAMPAMENTO INFANTIL: TARDE, MAL, A RASTRO E CARO

A voceira do PP tamén afeou que “o alcalde non lle dea ningunha importancia ao Pleno, o órgano onde están representados todos os veciños e veciñas” toda vez que “trae a aprobación das taxas do campamento infantil de verán cando o prezo xa está anunciado dende a semana pasada”. O PP votou en contra da cota de 50 euros.  

Para Nicole Grueira “o campamento chega tarde, mal e arrastro”. Tarde porque “comeza varios días despois de que os nenos e nenas teñan iniciado as vacacións”, Mal porque “a contratación deste servizo é cuestionable porque non segue o procedemento legal”. E a rastro porque “non houbo indicios ata que protestaron as familias e o propio Partido Popular”.

A popular engade que “ademais, é máis caro que o resto de campamentos que ofrecen os Concellos da zona” citando como exemplos “o Concello de Pastoriza que organiza un campamento dun mes que resulta gratuíto para as familias ou o Concello de Riotorto onde o seu prezo é moito máis accesible economicamente”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios