O Reyco Burela FS celebrou este martes a súa Asemblea Xeral Extraordinaria, na que a directiva trasladou aos socios e socias a situación actual da entidade, os pasos xa dados para garantir a continuidade do proxecto e as principais liñas de actuación para a tempada 2026-27.
Entre os asuntos abordados, o presidente, José Luis Sáez, confirmou que o club xa formalizou a preinscrición dos dous equipos sénior en Segunda División, un paso imprescindible para asegurar a presenza da entidade nas competicións nacionais, á espera de completar os trámites administrativos nos prazos establecidos.
A Asemblea tamén aprobou manter as cotas da Escola Deportiva Burela FS. Ademais, ratificáronse as cotas de socios e socias para a tempada 2026-27, mantendo os importes da campaña anterior e incorporando algunhas novidades derivadas dun convenio no que a entidade está traballando para favorecer o acceso da mocidade aos partidos do club.
Outro dos aspectos destacados foi á alusión ao informe elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela, asinado polos membros do Grupo de Análisis y Modelización Económica (GAME) Roberto Bande, Diana Fernández e Pablo Rivera, que cifra en 1,1 millóns de euros o impacto económico que xera a actividade do CD Burela FS na comarca, xunto ao Memorial Heroes do Orzán no que a entidade colabora. Este estudo pon de manifesto a dimensión deportiva, social e económica dunha entidade que transcende o ámbito competitivo para converterse nun motor de dinamización territorial.
Durante a súa intervención, José Luis Sáez lembrou que o club continúa traballando para reducir a débeda histórica e reiterou que calquera axuda extraordinaria recibida das administracións se dedicará a salarios atrasados e acredores da vila; por iso foi presentada, no pasado mes de abril, unha solicitude que considera fundamental para consolidar a viabilidade do proxecto e garantir a estabilidade da entidade.
Nesta mesma liña, o adestrador do primeiro equipo masculino, Juanma Marrube, quixo dirixirse aos socios e socias para realizar un chamamento á unidade, apelando á implicación conxunta de equipo, club, afección e representantes políticos para afrontar unidos os retos que ten por diante o Burela FS.
A Asemblea concluíu cun recoñecemento especial ao Memorial Heroes do Orzán. Na súa condición de club colaborador deste evento, José Luis Sáez expresou o agradecemento á Xunta de Galicia, á Deputación de Lugo e ao Concello de Burela pola súa achega e compromiso coa iniciativa, un apoio que, segundo destacou, constitúe un fiel reflexo de que cando institucións e sociedade camiñan da man é posible acadar grandes logros en beneficio de toda a comunidade.