Como medidas municipais, minimizarase o uso en servizos non esenciais, como as regas das zonas verdes públicas.
O Concello fai un chamamento á colaboración da veciñanza para favorecer un uso responsable da auga despois de que Augas de Galicia activase a situación de prealerta por escaseza moderada no sistema de explotación do río Anllóns.
A declaración deste escenario responde á evolución dos recursos hídricos e ten como obxectivo anticiparse a unha posible agravación da situación, promovendo medidas preventivas que contribúan a preservar a dispoñibilidade de auga e a garantir o mantemento do caudal ecolóxico dos ríos.
Neste contexto, o Concello apela á implicación da cidadanía na adopción de hábitos de consumo responsables, evitando usos innecesarios da auga potable e facendo un aproveitamento eficiente deste recurso. Entre as recomendacións dirixidas aos particulares figuran restrinxir as regas de xardíns e hortas sempre que sexa posible, limitar o lavado de vehículos (a excepción das empresas dedicadas a esa actividade), non empregar auga potable para o enchido de piscinas particulares ou reutilizar a auga para outros usos cando as condicións o permitan.
Pola súa parte, o Concello aplicará medidas de aforro no ámbito municipal, minimizando o uso da auga en servizos non esenciais como as regas das zonas verdes públicas. Así mesmo, manterase un seguimento constante da evolución da situación para adoptar, se fose preciso, outras medidas máis restritivas en función das recomendacións das administracións competentes.
O Concello agradece de antemán a colaboración da veciñanza e lembra que pequenos xestos cotiáns poden contribuír de maneira significativa á conservación dos recursos hídricos. A implicación de toda a cidadanía resulta fundamental para afrontar con garantías episodios de escaseza e asegurar un uso sostible da auga, un ben esencial que require do compromiso de todos.