Abelleira critica que Candia manteña no Goberno ao edil que o Concello levou aos tribunais polo descanso veciñal

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou hoxe a «insostible contradición política e institucional» que, ao seu xuízo, vive o Goberno de Elena Candia ao manter entre os seus responsables municipais a un concelleiro do Partido Popular que continúa recorrendo nos tribunais a normativa municipal aprobada para protexer o dereito ao descanso da veciñanza de Recatelo.

«Estamos diante dunha situación inédita: a alcaldesa mantén no seu Goberno a un concelleiro co que o propio Concello continúa enfrontado xudicialmente por unha decisión adoptada en defensa do interese xeral. Candia ten que explicar se considera normal esta anomalía institucional», afirmou.

A concelleira socialista lembrou que foi o anterior Goberno municipal quen impulsou a modificación dos horarios das discotecas urbanas para dar resposta aos graves problemas de convivencia que sufrían os residentes da contorna da Rolda das Mercedes e, especialmente, do barrio de Recatelo.

«Foi unha decisión responsable, tomada pensando na veciñanza. Gobernar significa adoptar medidas que protexan o interese xeral, aínda que nalgúns casos poidan afectar intereses particulares», indicou.

González Abelleira advertiu de que a recente resolución xudicial evidencia que o recurso continúa vivo e que o Concello segue personado defendendo a legalidade da norma fronte á pretensión de anulala.

«Iso significa que Elena Candia mantén como membro do seu Executivo a unha persoa que continúa litigando contra unha decisión que o propio Concello defende nos tribunais. É unha contradición política e institucional difícil de explicar», sostivo.

A portavoz socialista insistiu en que o problema xa non é unicamente xurídico, senón político. «É incompatible exercer responsabilidades de goberno e, ao mesmo tempo, manter unha posición procesual contraria á que sostén o Concello. A alcaldesa non pode mirar para outro lado como se nada sucedese», afirmou.

Neste sentido, preguntouse cal é a posición real da rexedora. «Se comparte esa actuación, estará asumindo que o seu Goberno cuestiona unha medida aprobada para protexer o descanso da cidadanía. E se non a comparte, resulta incomprensible que manteña no Executivo a un concelleiro que segue defendendo nos tribunais unha posición frontalmente contraria á do Concello.»

Para González Abelleira, «a confianza política tamén se demostra nestas situacións». «A alcaldesa debe aclarar se avala esta actuación ou se considera compatible formar parte do Goberno municipal mentres se litiga contra unha decisión adoptada pola propia institución e refrendada polo seu Goberno.»

A edil socialista concluíu reclamando unha resposta política. «O servizo público require exemplaridade, coherencia e lealdade institucional. Lugo merece un Goberno que fale cunha soa voz na defensa do interese xeral. Candia debe decidir se mantén no seu Executivo un concelleiro co que o Concello continúa enfrontado nos tribunais ou se, pola contra, actúa coa responsabilidade que a cidadanía espera dunha alcaldesa.»

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios