A Xunta dá por finalizado o episodio de calor en Galicia a partir de mañá domingo grazas á entrada de aire atlántico

A Xunta de Galicia dará por finalizado o episodio de calor a partir de mañá, domingo, no marco do Plan de Actuacións do Goberno galego fronte aos posibles efectos das altas temperaturas na saúde.

Segundo as previsións de MeteoGalicia, a partir de mañá e durante a vindeira semana a comunidade quedará baixo a influencia dunha baixa relativa localizada ao oeste da península Ibérica. Esta situación provocará o desprazamento da masa de aire cálido cara ao leste e a entrada de aire atlántico, máis fresco e húmido, o que traducirá nunha acusada baixada das temperaturas.

Coordinación para previr riscos na saúde

Para anticiparse aos efectos da calor na poboación, a Consellería de Sanidade monitoriza constantemente os niveis de alerta a través dun sistema mixto que combina os datos de MeteoGalicia e MeteoSalud.

Mentres que MeteoGalicia avalía as temperaturas máximas e mínimas diarias para detectar se se superan os limiares de calor establecidos, MeteoSalud calcula o risco analizando as series temporais de temperatura e mortalidade dos últimos 20 anos. Ao responder a parámetros diferentes, a información dos mapas de ambos os organismos pode non coincidir exactamente, polo que Sanidade cruza os datos de ambos os sistemas para fixar o nivel de alerta definitivo en Galicia.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios