O Concello de Antas de Ulla continúa avanzando na modernización das infraestruturas de abastecemento e saneamento grazas a unha política baseada na planificación, a boa xestión e a captación de fondos doutras administracións.
Desde a chegada do actual Goberno municipal, unha das principais prioridades foi recuperar, modernizar e mellorar unha rede de abastecemento e saneamento que levaba anos sen os investimentos e o mantemento necesarios.
A alcaldesa, Pilar García Porto, e todo o seu equipo están a traballar con responsabilidade e capacidade de xestión para conseguir recursos da Xunta de Galicia e da Deputación, co obxectivo de ofrecer un servizo de maior calidade aos veciños e veciñas.



Entre as actuacións realizadas destacan:
- Auditoría para reducir as infiltracións na rede de saneamento, cun investimento de 16.819 euros, dos que 13.455,20 euros foron financiados mediante subvención.
- Instalación de equipos de medición e telecontrol dos consumos da rede de abastecemento en nove depósitos e dúas fontes, permitindo coñecer e controlar mellor o funcionamento da rede. O investimento ascendeu a 48.204,16 euros, cunha subvención de 38.563,33 euros.
- Instalación de novos sistemas automáticos de cloración, unha actuación fundamental para reforzar a seguridade, o control e a calidade da auga, financiada coa colaboración da Xunta de Galicia.
- Nova acometida ao complexo deportivo de Castro de Seoane e ás Piscinas Municipais.
- Novas acometidas a vivendas en Chorente, Os Carreiros e noutros lugares do municipio, co apoio económico da Xunta de Galicia e da Deputación.
- Construción dun depósito de usos múltiples en Amoexa, cun investimento de 33.701,34 euros, financiado tamén con achegas da Xunta e da Deputación.
- Reparación de avarías e adquisición de subministracións para a rede, cun investimento de 25.000 euros, dos que 16.000 euros proceden dunha subvención.
- Limpeza e adecuación das captacións e das súas canalizacións, cun investimento de 4.800 euros.
En total, o Concello conseguiu captar 117.648,75 euros en subvencións procedentes da Xunta de Galicia e da Deputación, unha cifra que permitiu executar importantes melloras nas infraestruturas municipais e que, segundo o Goberno local, reflicte unha xestión activa, responsable e comprometida coa veciñanza.
Ao mesmo tempo, o Executivo municipal continúa facendo fronte a importantes obrigas económicas herdadas da etapa do anterior Goberno municipal.
Entre elas atópase a débeda do canon da auga, por importe de 103.797,67 euros, correspondente a cantidades cobradas á veciñanza desde o ano 2013 e que non foran transferidas á Xunta de Galicia. O actual Goberno negociou o seu pagamento en catro anualidades e está a cumprir cos compromisos adquiridos para regularizar esta situación.
Ademais, existe unha proposta de sanción de arredor de 60.000 euros, tamén derivada da xestión anterior, que foi recorrida e continúa pendente de resolución.
Desde o Concello recoñecen que esta situación limita a capacidade para executar novas actuacións coa rapidez desexada, xa que foi necesario destinar unha parte importante dos recursos municipais ao pagamento de débedas herdadas, afrontar posibles sancións e resolver avarías urxentes en instalacións que levaban anos desatendidas.
Por iso, o Goberno municipal quere pedir desculpas á veciñanza por non poder avanzar aínda máis rápido, ao tempo que reafirma o seu compromiso de seguir captando subvencións, optimizando os recursos públicos e traballando con responsabilidade, transparencia e rigor para continuar mellorando os servizos municipais.
O compromiso da alcaldesa Pilar García Porto e do seu equipo é seguir avanzando para conseguir un abastecemento que chegue ao 100 % das aldeas do municipio, máis moderno, eficiente, seguro e de calidade, construíndo o Antas de Ulla que os seus veciños e veciñas merecen.