O novo sinxelo do grupo galego chega acompañado dun videoclip asinado por Marte Martinka e Fotomatong e anticipa un EP de catro cancións previsto para o outono deste ano.
Descubre más noticias noticias musicales como ésta
Maricarme continúa a expandir o seu particular imaxinario musical co lanzamento de «Eu non quero té«, o seu segundo sinxelo tras “Ai Jesús!”. Esta nova peza serve como carta de presentación do próximo EP da banda, un traballo de catro cancións que verá a luz no outono deste ano e que marca unha nova etapa na formación coa incorporación da violinista María Jorge Bastos (Caldo).
O proxecto, formado por María Jorge, Cibrán Seixo e Migui Carballido, segue a profundar nunha reinterpretación libre e contemporánea da música tradicional galega. Nesta ocasión, o grupo toma como punto de partida unha muiñeira aprendida de Os Fillos de Pepa A Loba, a «Punteada da Miñata», mantendo así un diálogo vivo entre tradición oral e contemporaneidade.
A nova canción continúa a liña que define a Maricarme: unha fusión hipnótica entre instrumentos acústicos tradicionais e texturas electrónicas contemporáneas, onde conviven percusións de raíz, cordas e paisaxes sintéticas que, unidas á voz de María Jorge, dan lugar a un folk dinámico e fresco, reafirmando a identidade do grupo como unha das formacións máis singulares da nova escena galega.
O novo tema, dispoñible dende este mércores 8 de xullo, chega acompañado dun videoclip dirixido por Marte Martinka e Fotomatong, que achega un novo ingrediente ao xa surrealista universo estético da banda. Con este novo traballo, Maricarme non só consolida unha identidade propia, senón que continúa abrindo novos camiños para a música tradicional galega.
O trío continuará levando o seu directo a distintos escenarios durante o verán. Tras o seu paso pola Ruada das Gotas de Ribadumia o pasado 21 de xuño e pola sala A Pousada de Boiro o pasado 5 de xullo, as súas próximas actuacións serán o 16 de xullo no ciclo Atardecer no Gaiás (Santiago de Compostela) e o 21 de agosto no ciclo Orballo Cultural en Baiona xunto a Baiuca, á espera de confirmar novas datas.
Sobre Maricarme:
Maricarme é un supertrío do novo folk galego formado por Cibrán Seixo, María Jorge e Migui Carballido. A súa proposta parte da tradición oral galega para dialogar con linguaxes e sonoridades contemporáneas.
O grupo combina instrumentos acústicos —violíns, pandeiros e bouzouki— con electrónica —sintetizadores, pads e pedais de efectos— para construír un universo sonoro propio no que conviven o repertorio tradicional e as composicións orixinais. O resultado é un directo envolvente e cheo de matices, cunha marcada vocación exploratoria.
En pouco tempo, Maricarme actuou en escenarios e festivais de referencia, consolidando a súa presenza dentro da nova escena folk galega.
Foto portada: ®Andrés Currás