O líder do PSdeG lamenta que os anos de atraso na mancomunidade impulsada polo Goberno galego estean a lastrar a creación de vivenda e o desenvolvemento industrial.
O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe desde Vilaboa unha solución urxente para o sistema de abastecemento de auga na comarca. Tras manter unha xuntanza de traballo co alcalde, César Poza, e o seu equipo de goberno, o líder socialista advertiu que o municipio precisa recursos hídricos suficientes para poder desenvolver o seu PXOM, habilitar solo residencial e potenciar as áreas de actividade económica.
Besteiro criticou que a mancomunidade promovida pola Xunta para compartir o subministro entre concellos «acumula anos de atraso» e está a xerar graves prexuízos. Neste sentido, esixiu ao Goberno galego que lidere a negociación e resolva «xa» esta eiva, un acordo que depende principalmente do pacto entre a Administración autonómica e o Concello de Pontevedra.
O dirixente socialista subliñou que a falta de novos recursos hídricos condiciona directamente o futuro de Vilaboa, xa que calquera nova urbanización esixe garantir primeiro o abastecemento. «Trátase de posibilitar a fixación de poboación e enfrontar o reto demográfico. Mentres a Xunta non sexa quen de pechar un pacto para a xestión da auga, estará obstaculizando o crecemento do concello», insistiu.
Aproveitando a súa visita, Besteiro felicitou á veciñanza pola recente declaración do Entroido de Cobres como Festa de Interese Turístico Nacional. «O Partido Socialista traballou da man desde o Concello e desde o Goberno do Estado para outorgarlle o recoñecemento que merece a unha tradición que os habitantes de Vilaboa mantiveron viva co seu esforzo», salientou.