Desde o Concello de Laxe queremos trasladar aos nosos veciños e veciñas unha mensaxe de prudencia e tranquilidade ante o incendio forestal que permanece activo desde a tarde-noite de onte no límite do noso municipio.
O alcalde, Paco Charlín, está a realizar un seguimento permanente da evolución do lume, mantendo contacto continuo e directo cos servizos de emerxencias e coas administracións competentes. Aínda que a preocupación é constante pola proximidade das chamas, a confianza no extraordinario traballo que están a desenvolver os equipos sobre o terreo é absoluta.
Para combater este incendio mobilizouse un importante operativo que continúa traballando sen descanso para lograr a estabilización da situación. Segundo os últimos datos oficiais, o dispositivo está composto por:
- 4 técnicos e 26 axentes ambientais.
- 30 brigadas forestais e 29 motobombas.
- 5 pas mecánicas e 4 unidades técnicas de apoio.
- Medios aéreos: 2 helicópteros e 1 avión.
Agradecemento institucional
O Concello quere expresar o seu máis profundo agradecemento a todos os profesionais que participan nas tarefas de extinción polo seu compromiso, profesionalidade e enorme esforzo en condicións extremas.
Blasmo este recoñecemento á Policía Local de Laxe, á Agrupación de Protección Civil de Laxe e á Garda Civil, que desde o primeiro momento están a colaborar a pé de campo para velar pola seguridade de toda a veciñanza. A gratitude esténdese tamén a cada un dos brigadistas, axentes, técnicos e persoal de apoio integrados no dispositivo.
Do mesmo xeito, o Goberno local agradece publicamente o comportamento exemplar da veciñanza, que está a demostrar unha gran responsabilidade ao atender en todo momento as recomendacións das autoridades.
O Concello de Laxe continuará informando puntualmente da evolución do incendio a través de todas as súas canles oficiais a medida que se vaian actualizando os datos.



Moita forza a todos os efectivos que continúan loitando contra o lume na primeira liña. Confiamos en que a evolución favorable das últimas horas permita o control definitivo do incendio o antes posible.