O proxecto renovará por completo a zona de xogos, instalará 19 novos elementos para diferentes idades e contará con espazos inclusivos e un novo pavimento de seguridade.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Betanzos, María Barral, asinaron hoxe no Concello de Betanzos o convenio para acometer a reforma integral do parque infantil do Pasatempo, un dos espazos de lecer máis concorridos do municipio.
A actuación conta cun orzamento total de 299.999,87 euros, dos que a Deputación achegará 239.999,90 euros, o 80% do investimento. O Concello de Betanzos financiará o 20% restante con fondos propios e encargarase da licitación e da execución das obras.
Valentín González Formoso destacou que esta actuación permitirá “renovar por completo un espazo moi utilizado polas familias de Betanzos”. O presidente provincial sinalou que se trata dun investimento pensado para que os nenos e nenas poidan xogar nunha contorna máis moderna, segura, accesible e adaptada ás distintas idades.
Pola súa banda, María Barral agradeceu o apoio da Deputación para facer realidade “unha reforma moi necesaria e moi demandada”. A alcaldesa explicou que o obxectivo é dotar o parque “duns xogos acordes coa importancia do Pasatempo, inspirados na filosofía dos irmáns García Naveira de ilustrar e divertir, e crear unha zona infantil de referencia para Betanzos e para toda a comarca”.
O proxecto contempla a retirada dos xogos e do pavimento existentes e a instalación dunha nova superficie continua de caucho amortecedor, adaptada ás alturas de caída de cada elemento. Tamén se executarán novas soleiras de formigón nas zonas nas que resulte necesario, co obxectivo de mellorar a seguridade, a estabilidade e a durabilidade das instalacións.
A nova área contará con 19 elementos de xogo destinados a diferentes idades. Entre eles incluiranse estruturas multixogo con torres, pontes e tobogáns, carruseis, elementos de equilibrio e escalada, balancíns, xogos xiratorios e varios columpios. O deseño incorpora tamén elementos inclusivos, como un columpio mixto con asento adaptado, un columpio de niño e paneis táctiles, para facilitar o uso do parque por parte de nenos e nenas con diferentes capacidades.
Todos os elementos cumprirán a normativa europea de seguridade para áreas de xogo infantil. A actuación respectará igualmente a normativa de accesibilidade e non discriminación nos espazos públicos urbanizados. O prazo previsto para a execución das obras é de catro meses.
O parque infantil do Pasatempo é un dos máis visitados de Betanzos. A súa localización, xunto ás zonas verdes e aos restantes espazos do Pasatempo, convérteo nun dos principais puntos de encontro e lecer familiar do municipio.