O BNG de Valga confía novamente en Fran Devesa para encabezar a candidatura nas próximas eleccións municipais e liderar o proxecto co que pretenden abrir unha nova etapa no concello. Nacido en Valga en 1980 e pai de dúas fillas, é o actual portavoz e concelleiro do BNG na corporación municipal. No ámbito profesional, desenvolve a súa actividade no sector empresarial, onde impulsou un recoñecido proxecto vinculado ao turismo sostible e ao deseño arquitectónico.
A súa vinculación coa vida social e cultural de Valga vén de lonxe. Foi presidente da Asociación Cultural Os Penoucos, participou activamente en iniciativas de promoción do territorio e da memoria histórica, e mantén unha estreita relación co tecido asociativo, deportivo e empresarial da zona.
Fran Devesa lidera un equipo que ten claras as súas prioridades: «coidar, manter e darlle contido ao que xa temos, atender o día a día da veciñanza e planificar o futuro para facer de Valga un concello moderno, transparente, xusto e aberto».
Entre os eixes principais da súa proposta destacan facilitar o acceso á vivenda —especialmente para a mocidade—, reforzar os servizos públicos e a atención ás persoas maiores, mellorar o mantemento das infraestruturas municipais, apoiar o deporte e a cultura, e crear novas oportunidades socioeconómicas para revitalizar o municipio.
“Volver contar coa confianza das compañeiras e compañeiros é unha responsabilidade que hai que demostrar traballando cada día. Temos ilusión, equipo e un proxecto serio para que Valga avance e para construír, entre todos e todas, un concello con máis futuro”, sinala Fran Devesa. O BNG de Valga afronta esta nova etapa coa firme vontade de seguir escoitando a veciñanza, co obxectivo de que os cidadáns sexan os verdadeiros protagonistas da política municipal.