UDC e Concello de Ferrol promoven unha nova campaña arqueolóxica no Castro de Esmelle

O profesor da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, e o investigador do Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez, dirixen uns traballos que comezaron hoxe, luns 13, e que rematan o próximo venres 31 de xullo.

Comeza a cuarta campaña de escavacións arqueolóxicas no Castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro. A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, promovida pola Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol, e conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude. Este antigo poboado fortificado conforma, xunto cos castros costeiros de Santa Comba e Lobariz, un triángulo clave para comprender a ocupación do territorio occidental da actual cidade durante a idade de Ferro.

Un ano máis, a campaña está dirixida polo profesor de Historia Antiga da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, e máis polo investigador do Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez. Ao igual que en anteriores edicións, o primeiro exerce como director científico e o segundo asume a dirección técnica dos traballos.

Ata o vindeiro 31 de xullo, ambos os dous estarán á fronte dun equipo integrado por preto de 20 persoas, formado maioritariamente por estudantadouniversitario, persoas recentemente tituladas, así como persoal investigador vinculado á Universidade da Coruña (UDC), á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e á Universidad Complutense de Madrid (UCM). 

Neste enclave da Idade de Ferro, cunha superficie estimada de 20.000 metros cadrados e tres aneis defensivos, comezou a albiscarse, xa na segunda campaña, unha rúa pavimentada moi ben conservada. Tras ampliar a zona de traballo, comprobouse que esta acada os case catro metros de ancho. Segundo as primeiras hipóteses, esta rúa estaría situada na zona de acceso ao castro e bordea dúas estruturas nas que xa se interveu: un edificio alongado duns 50 metros cadrados e un torreón defensivo. 

Tal e como explica do director científico da escavación e director da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, Juan Luis Montero Fenollós, o principal obxectivo desta cuarta campaña será o de investigar o sistema de acceso ao castro. Do mesmo xeito, tamén se realizará  un sondeo en varias estruturas da croa que son visibles na superficie, “pode que relacionadas con outro sistema de acceso, explica. Ademais, está previsto acometer diversos traballos de restauración  e consolidación dos edificios xa escavados, así como elaborar un plano topográfico de detalle do castro. 

O xoves 30, ás 11:00 e ás 16:00 horas, e o venres 31 de xullo, ás 11:00 horas, están programadas visitas guiadas gratuítas ao Castro de Esmelle. O punto de encontro será o local da Asociación de Veciños Val de Esmelle. Ademais, todas aquelas persoas que queiran seguir o día a día das escavacións arqueolóxicas poden facelo, ao igual que nas tres primeiras campañas, a través da páxina web da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial.

Comparte éste artículo
No hay comentarios