Besteiro acusa a Rueda de poñer en risco ata 1.000 millóns para Galicia por negarse a negociar

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que abandone o «non» permanente e sente a negociar co Goberno de España un novo modelo de financiamento que permita elevar ata os 1.000 millóns de euros as achegas para Galicia.

“A proposta parte de 587 millóns, pero pódese e débese negociar para mellorala. Podemos chegar a unha franxa de entre 900 e 1.000 millóns, pero para iso ten que existir vontade política por parte da Xunta e do Partido Popular”, afirmou Besteiro durante a súa visita á Illa de Arousa.

O líder dos socialistas galegos explicou que a proposta estatal toma como referencia os datos de 2023 e realiza unha proxección ata 2027, incluíndo as novas cesións de impostos formuladas para as comunidades autónomas. Fronte ás cifras manexadas nos últimos días polo conselleiro de Facenda, Besteiro advertiu de que “hai que saber ler as propostas” e reclamou seriedade nun debate decisivo para os servizos públicos do país.

“Non podemos perder estes quince días de xullo. Hai tempo para falar, negociar e defender as reivindicacións xustas que merece Galicia”, sinalou. O que non resulta aceptable, engadiu, é que o Goberno galego responda con “non quero falar, non quero discutir e non quero negociar”.

Contradicións financeiras da Xunta

Besteiro tamén puxo o foco nas contradicións da política financeira do Executivo autonómico. Segundo lembrou, o Consello de Contas cifra en 190 millóns o superávit da Xunta, uns recursos que o Goberno galego destinou a amortizar débeda en lugar de empregalos en reforzar os servizos públicos ou en acometer actuacións pendentes.

“Cando ten 190 millóns de superávit, a Xunta utilízaos para pagar débeda. Pero cando o Goberno de España ofrece condonarlle 4.010 millóns, di que non os quere. Se alguén o entende, que veña e nolo explique”, ironizou.

Abandono de infraestruturas na Illa de Arousa

Durante a súa visita, Besteiro comprobou xunto ao alcalde o estado do Paseo do Cantiño, un espazo de Portos de Galicia no que o Concello leva anos reclamando unha actuación integral. O líder socialista denunciou a falta de mantemento, as baldosas rotas e o deterioro xeral do paseo: “A Xunta nin actúa nin permite avanzar ao proxecto que presentou o Concello para recuperar e humanizar esta contorna”.

A mesma falta de resposta afecta ao CEIP Torre-Illa, o único colexio do municipio, que conta con 300 alumnos. O centro mantén unha cuberta antiga con elementos de fibrocemento e amianto, e leva anos agardando polas obras de mellora solicitadas reiteradamente á Consellería de Educación. Besteiro cualificou de «incoherente» que se fale de defender o ensino público «mentres se manteñen durante anos unhas instalacións sen as actuacións urxentes que precisan».

Residencia de maiores na antiga casa de Marcial Dorado

Finalmente, o líder do PSdeG amosou o seu total apoio á proposta municipal para adquirir a antiga casa do narcotraficante Marcial Dorado cando saia a poxa, co obxectivo de incorporala ao patrimonio local e convertela nunha residencia de maiores e centro social.

“Sería unha recuperación cargada de simbolismo: transformar un patrimonio vinculado ao narcotráfico nun recurso público dedicado ao coidado das persoas”, afirmou Besteiro, quen concluíu esixindo á Xunta que atenda as demandas municipais “sen discriminacións políticas e con independencia do que vote a veciñanza en cada concello”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios