Alfonso Villares destaca a expansión a Lugo do Festival Bal y Gay co impulso da Xunta

A Xunta de Galicia renova o seu apoio ao Festival de Música Clásica Bal y Gay, que se celebrará entre o 5 e o 21 de agosto coa participación de recoñecidos intérpretes nacionais e internacionais. Durante a presentación do evento, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, destacou o «extraordinario nivel» dunha proposta que «atrae talento á provincia, descentraliza a cultura e crea novos públicos».

O Goberno galego selou un convenio de patrocinio coa Fundación Xesús Bal y Gay para esta décimo terceira edición, que se perfila como unha das máis ambiciosas da súa historia. Villares felicitou ao presidente da entidade, Enrique Rodríguez Baixeras, e á directora do certame, Alba Rodríguez, pola súa «aposta decidida pola calidade».

Aínda que o festival mantén como escenario principal os espazos singulares da Mariña, por primeira vez programará un concerto na cidade de Lugo: a actuación do prestixioso pianista Grigori Sokolov o 9 de agosto no auditorio Fuxan os Ventos.

O cartel inclúe 14 concertos que arrancarán o 5 de agosto coa agrupación Vox Luminis na Catedral de Mondoñedo, templo que tamén acollerá o día 19 á Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias. A basílica de San Martiño de Foz recibirá a Antoine Tamestit (día 8) e a Samuel Hasselhorn (día 21); o mosteiro de San Salvador de Lourenzá contará con Auxiliadora Toledano, e o auditorio Hernán Naval de Ribadeo con Yulianna Avdeeva. A programación completa xa se pode consultar na web do festival.

Comparte éste artículo
No hay comentarios