Maite Ferreiro: «O PP malgasta diñeiro dos lucenses mantendo a antiga caseta de información turística pechada na praza Maior»

A concelleira do BNG Maite Ferreiro afirmou que o PP segue «a malgastar o diñeiro das e dos lucenses» ao manter pechada a antiga caseta de información turística da praza Maior despois de abrir o quiosco ubicado a poucos metros. Ferreiro lembrou que a colocación desta caseta figura no contrato de atención das salas museísticas e dos puntos de información turística «polo tanto, o Concello vai pagar unha factura por ter a caseta pechada«.

Ferreiro explicou que a colocación desta caseta estaba prevista desde o 1 de xuño e ata despois do San Froilán. «Unha vez recuperado o quiosco non ten sentido manter a caseta colocada na praza e ter que pagarlle á empresa polo alugueiro da mesma», dixo Ferreiro, que afirmou que esta situación é “un novo exemplo da mala planificación do goberno do PP e a concelleira tránsfuga”.

Ferreiro insistiu en que as e os lucenses merecen «unha xestión seria e eficiente dos recursos públicos», e criticou «a contínua improvisación» do goberno do PP «nunha cuestión tan estratéxica como o turismo«, dixo Maite Ferreiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios