O portavoz do PP recoñeceu que a celebración das festas obriga a adaptar a ubicación do mercado cando ambas coinciden, pero defendeu que esa reorganización debe facerse mantendo o día habitual e trasladando os postos á zona de Malates, como, segundo lembrou, se viña facendo durante os gobernos do Partido Popular.
O Partido Popular de Foz denunciou hoxe o que cualifica como un novo exemplo da “mala xestión” do goberno municipal na organización do mercado semanal durante as festas. O portavoz popular, JavierCastiñeira, lamentou os problemas rexistrados este venres e asegurou que a situación provocou importantes prexuízos tanto para comerciantes como para os usuarios.
Castiñeira afirmou que “esperemos que sirva de escarmento esta nova mala experiencia” e criticou que “volvemos a denunciar o desastre na xestión dos mercados en épocas de festas”.
O portavoz do PP recoñeceu que a celebración das festas obriga a adaptar a ubicación do mercado cando ambas coinciden, pero defendeu que esa reorganización debe facerse mantendo o día habitual e trasladando os postos á zona de Malates, como, segundo lembrou, se viña facendo durante os gobernos do Partido Popular.
“Todos entendemos que hai unha prioridade para as festas se coinciden no medio da semana, pero esa alternativa sempre a defendeu o Partido Popular e así a fixemos cando estivemos no goberno: facelo os propios martes, pero na zona de Malates, sempre a zona substitutoria”, sinalou.
Na súa opinión, o cambio do mercado ao venres foi un erro que xerou confusión entre vendedores e clientes. «Cambialo ao venres, como se cambiou novamente, foi enganar os propios comerciantes e os veciños usuarios do mercado, porque atopáronse con que non estaba todo listo despois do día grande das festas do Carme», manifestou.
Segundo explicou, á primeira hora da mañá o recinto presentaba un estado que cualificou de «lamentable», con restos do botellón da noite anterior e parte das atraccións aínda sen retirar, o que, ao seu xuízo, provocou importantes dificultades para a instalación dos postos.
«O caos á primeira hora foi tremendo. Estamos a xogar cos negocios de moita xente que, ademais, confía en Foz como un sitio importante para instalar os mercados», advertiu.
Por este motivo, o PP reclama que o Concello recupere o sistema empregado noutras ocasións e manteña o mercado no seu día habitual, trasladándoo á zona de Malates cando coincida coa celebración das festas.
«Esa é a solución lóxica e normal de sempre, que parece que este señor alcalde non ve», afirmou Castiñeira, quen engadiu que «o día de mercado que lle toca a Foz é o martes; se non, estariamos facendo un mercado calquera outro día que non é o correspondente e crearíamos máis caos».
Para rematar, o portavoz popular pediu ao goberno local que tome nota do sucedido para evitar que a situación se repita no futuro.
«Espero que nos escoite, porque o caos foi tremendo. Houbo unha falta absoluta de organización e de limpeza, perdéronse horas de traballo e o mercado mostrou unha desorganización absoluta do equipo de goberno», concluíu Javier Castiñeira.