Alfonso Villares insta á Deputación de Lugo a aclarar o seu grao de implicación no futuro do Muferga

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, na súa condición de presidente do Padroado da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia —entidade xestora do Muferga—, enviou un escrito á Deputación Provincial de Lugo para solicitar que defina con claridade o seu compromiso coa entidade e o cumprimento das súas responsabilidades como membro do Padroado.

Villares lembrou que a institución provincial non asiste ás reunións desde o 11 de setembro de 2024 e que aínda ten pendente de ingresar a achega anual correspondente ao exercicio 2025.

O delegado lamentou a falta de implicación da Deputación lucense e contrastou esta postura co “firme compromiso” dos demais membros do Padroado coa Fundación. Neste sentido, explicou que na última reunión do pasado 30 de xuño, o resto de integrantes acordaron valorar a posibilidade de realizar un esforzo económico adicional para facer fronte ao incremento retributivo do persoal do museo, conforme ao convenio colectivo aplicable.

Neste contexto, Villares considera “urxente e necesario” que a Deputación de Lugo clarifique a súa postura respecto ao futuro da Fundación e faga efectiva a achega económica pendente.

O representante autonómico destacou que o Muferga é un proxecto “estratéxico e de referencia na conservación, investigación e difusión do patrimonio ferroviario galego, cun importante valor cultural, turístico e divulgativo”. Por iso, insistiu en que a súa continuidade esixe a “implicación e corresponsabilidade” de todas as administracións integradas no Padroado.

Para Villares, “é o momento de ofrecer certezas sobre o futuro do Muferga”, permitindo que a Fundación dos Ferrocarrís de Galicia poida planificar as súas actuacións con estabilidade e garantir a continuidade dun proxecto que leva décadas poñendo en valor o patrimonio ferroviario da comunidade.

Comparte éste artículo
1 comentario