Tras visitar a zona e comprobar persoalmente o estado das parcelas, así como despois de conversar con varios veciños que residen na contorna, a concelleira de Alternativa Enxebre, Noelia Martínez, pon como exemplo a situación existente na Travesía de Meicende, entre os edificios dos números 11, 13, 15 e 17, onde a maleza leva máis de dous anos sen ser rozada correctamente.
Segundo puido comprobar Noelia Martínez, as parcelas presentan un estado de abandono absoluto, con zonas nas que a vexetación supera os tres metros de altura, xerando unha situación impropia dunha zona urbana rodeada de vivendas e provocando unha lóxica preocupación entre a veciñanza.
A concelleira explica que os propios veciños lle trasladaron a súa preocupación polo estado destas parcelas, denunciando que levan anos reclamando unha solución sen obter unha resposta eficaz por parte do Concello.
Noelia Martínez lembra que esta non é unha situación illada, senón que afecta a numerosas parcelas urbanas de Arteixo, especialmente nun momento especialmente delicado como é a tempada de verán, cando aumenta considerablemente o risco de incendios, ademais dos problemas de salubridade e da proliferación de pragas.
Así mesmo, recorda que o Concello dispón de mecanismos legais suficientes para actuar, requirindo aos propietarios que manteñan as súas parcelas en condicións de seguridade e salubridade e, no caso de incumprimento, executando subsidiariamente os traballos necesarios e repercutindo posteriormente o seu custo aos responsables.
Para Noelia Martínez, o verdadeiro problema é que o Concello non está exercendo esas competencias, polo que son os veciños quen acaban soportando as consecuencias desta falta de xestión.
Neste sentido, a concelleira critica que, mentres esta situación continúa sen solución, o concelleiro de Medio Ambiente percibe unha retribución superior aos 45.000 euros anuais, o que supón máis de 3.200 euros brutos por paga en 14 pagas, sen que a veciñanza perciba unha xestión eficaz nin resultados acordes coa responsabilidade do cargo.
«Arteixo merece un goberno que resolva os problemas da veciñanza e non que permaneza impasible mentres parcelas urbanas se converten en auténticas selvas«, afirma Noelia Martínez.
A concelleira conclúe esixindo ao Goberno municipal que abandone a pasividade, cumpra coa legalidade e actúe de inmediato, porque a protección da seguridade, da salubridade e da calidade de vida da veciñanza non pode seguir esperando.