Cadernos da viaxe. O Dereito Europeo destrúe o muro do lawfare español

   O pronunciamento histórico do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) constitúe a máis brutal emenda á totalidade a respecto da arquitectura xudicial do Estado español dende o comezo do conflito catalán. Cando Luxemburgo dita, con claridade meridiana, que a Lei de Amnistía non vulnera un só milímetro do Dereito europeo, o que está a facer é desmontar de raíz a estratexia da sabotaxe institucional deseñada dende as terminais do españolismo. O TXUE non só valida a norma legal emanada do Congreso dos Deputados, senón que recoñece de xeito explícito a necesidade dunha restauración-ou sanación- política, para lle dar canle  aos graves conflitos institucionais que xerou a represión xudicial española do procès. É dicir, recoñece a previa existencia dun lawfare de manual, como ten dito o profesor e avogado catalán Jaume Alonso-Cuevillas (UB). Este recoñecemento do cumio xudicial europeo pon o foco na incualificábel ofensiva xudicial que os líderes independentistas sufriron e seguen a sufrir a mans dun sector da maxistratura colleita polo activismo político do españolismo de dereitas.

A contundencia dos argumentos xurídicos do TXUE destruíu os tres grandes valados que o españolismo xudicial tentaba  exportar á Europa. Luxemburgo determina que: i) non hai terrorismo sen violacións graves de dereitos humanos, polo que os feitos de 2017, 2018 e 2019 son totalmente amnistiábeis, ii) os intereses financeiros da Unión Europea (UE) non foron danados por ningunha actuación do procés e  iii) a lei da amnistía axústase aos principios de igualdade e seguridade xurídica.

Diante deste ditame inapelábel a persistencia no rexeitamento por parte da Sala do Penal do Tribunal Supremo (TS), da Audiencia Nacional e do Tribunal de Contas deixa de ser unha lexítima discrepancia interpretativa para se ubicar, con perigosa claridade, na linde mesma-cando non cun pe dentro- da prevaricación xudicial. Cando o TS teima-malia o nidio pronunciamento do TXUE- na existencia dun «enriquecemento patrimonial persoal» para non aplicar a lei de amnistía a Carles Puigdemont e aos consellers exiliados non está a facer xustiza, senon a falsear arbitrariamente o Dereito para fabricar unha impunidade executiva coa que soster os seus propios prexuízos políticos. O mesmo cómpre dicir das orquestradas manobras de dilación do Tribunal de Contas, convertido nun órgano de vinganza patrimonial e persecución financeira civil á marxe das garantías constitucionais, non só contra o president Puigdemont  e os seus consellers e conselleras senón contra o president Màs e os membros do seu goberno,  a vicepresidenta Ortega,  ao conseller Homs e á consellera Rigau.

Esta rebeldía institucional fronte á primacía do Dereito Europeo pon en risco directo a lexitimidade internacional de todo o sistema xudicial español. Velaí que o Tribunal Constitucional (TC) non poida seguir ollando cara outro lado. A gravidade da situación esixe que  actúe con urxencia máxima e de xeito inmediato. Non hai escusa que valla e moito menos as ferías do verán. O TC, mesmo a medio da súa Sala de Vacacións, ten a obriga constitucional e cidadá de se xuntar con urxencia para prover a rápida decisión dos recursos de amparo pendentes e, na xusta medida que cumpra e consonte coa situación obxectiva dos recorrentes, decidir a suspensión cautelarísima de todas as medidas restritivas da liberdade-ordes de detención estatais- que aínda penduran sobre o president Puigdemont e o resto de exiliados. Cada día que decorre coa ameaza de que  Carles Puigdemont sexa detido ilegalmente por orde do TS  é un día máis de desacato á xurisprudencia vinculante do TXUE e de burla ás institucións democráticas.

O balance final deste percorrido é a constatación dunha moi grave derrota do Estado de Dereito español no escenario internacional. Durante anos, as estruturas máis ríxidas do poder españolista creron que o principio da sagrada unidade do Estado ficaba por riba dos dereitos civís e da propia separación de poderes, confundindo o Dereito coa forza do aparello estatal. O TXUE ven de lles lembrar  que na UE a obediencia ao Dereito non é negociábel diante das pulsións dese españolismo que-malia todo- aínda coloniza o deep state.

A estratexia de usar a toga para corrixir a soberanía do lexislativo e anular unha amnistía esixida por elementais razóns de convivencia política diante da agresion do lawfare, fracasou de xeito moi evidente. E Catalunya venceu á intimidación trampulleira.

Pola nosa banda, Galicia ha aprender que o Dereito Europeo é un grande balado dos nosos dereitos nacionais fronte ás poutas do centralismo máis asimilador e autoritario.

Comparte éste artículo
No hay comentarios