O PP de Monforte reactiva as bases para traballar xuntos por unha alternativa a Sánchez e Tomé “que resisten contra toda lóxica”

De cara ao novo curso político, Varela segura que “estará cargado de traballo porque haberá cita coas urnas, pero tamén será un ano ilusionante para conseguir o necesario cambio a nivel local e nacional”.

Katy Varela presidiu unha reunión con afiliados e simpatizantes do PP de Monforte de Lemos na que participou o vicepresidente do PP da provincia e deputado nacional, o monfortino Francisco Conde. A xuntanza de traballo serviu para facer balance do actual curso político “marcado polos casos de corrupción a nivel nacional e as acusacións que pesan sobre o alcalde, José Tomé, agora apartado do PSOE, pero apoiado na alcaldía polos concelleiros socialistas”. Pero tamén para reactivar as bases do partido á vista dun novo curso político, despois do verán, no que haberá cita coas urnas.

A presidenta local da formación cre que “nos agarda un curso político cargado de traballo; pero tamén un ano ilusionante: entre todos podemos conseguir o necesario cambio tanto a nivel nacional coma local da man do proxecto do Partido Popular”.

Os populares ven certo paralelismo entre Sánchez e Tomé: “ambos se dedican a resistir e, contra toda lóxica, néganse a abandonar os seus cargos”. Conde avaliou os casos de corrupción que rodean ao presidente do Goberno e ao seu Executivo que derivan nunha “situación insólita” en España. De feito, “o Goberno non conta co apoio dunha maioría sólida no Congreso dos Deputados”, levan anos sen aprobar uns Presupostos Xerais do Estado e bloqueando a actividade parlamentaria.

Varela lembrou que “Tomé segue ao fronte do Concello de Monforte apoiado polos concelleiros socialistas a pesar de que o PSOE conta cos votos do Partido Popular para elixir outro alcalde socialista na cidade e apartar así a José Tomé, actualmente investigado pola Fiscalía por presunto acoso sexual”.

“Temos que traballar todos xuntos para evidenciar que o Partido Popular é a alternativa que es merece tanto o noso país coma a cidade de Monforte”, conclúe a popular.

Comparte éste artículo
No hay comentarios