O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais visitaron aos participantes nas istalaciónsdo CEIP Otero Pedrayo.
O Concello continúa facilitando durante o verán a conciliación da vida persoal, laboral e familiar co servizo municipal Vacacións, integrado no Programa Harmoniza. Nesta época cóntase con 125 nenos inscritos, rexistrándose unha asistencia media diaria de arredor dos 80 usuarios.
O servizo préstase nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo de luns a venres, en horario de 7:00 a 14:15 horas, adaptándose así ás necesidades de cada familia.
Os participantes, de entre 3 e 12 anos, están atendidos por monitoras especializadas en educación infantil e distribúense en dous grupos segundo a idade, o que permite adaptar as actividades ás características e necesidades de cada etapa. Ao longo de cada xornada realizan propostas educativas, culturais, deportivas e recreativas que favorecen a aprendizaxe, a socialización e o desfrute do tempo de lecer nun entorno seguro. Ademais, os nenos que o solicitaron dispoñen de servizo de almorzo.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, visitaron hoxe aos rapaces para comprobar de primeira man o desenvolvemento das actividades e compartir con eles parte da mañá.
O servizo Vacacións forma parte do compromiso do Concello con ofrecer facilidades para a conciliación da vida persoal e laboral das familias do municipio, ofrecéndolles unha alternativa tamén durante os períodos non lectivos que contribúe a facilitar a compatibilidade entre as responsabilidades profesionais e o coidado dos menores.
O Programa Harmoniza continuará durante o curso escolar co servizo Madruga, dispoñible desde as 7:00 horas nos tres centros de educación infantil e primaria do municipio. Neste caso, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 31 de xullo.
Ademais, tamén se ofrece o servizo Canguraxe, dirixido a familias con nenos de entre 4 meses e 12 anos de idade. Este recurso ofrece atención e coidados nos domicilios para dar resposta a necesidades puntuais de conciliación, sen carácter estable nin prolongado no tempo.