O Concello de Lugo anuncia que estenderá a programación de Nadal a todos os barrios 

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presidiu esta tarde a reunión extraordinaria da Mesa Local de Comercio, na que tamén participaron o concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Javier Vázquez, e a concelleira de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Cristina Sanz, xunto cos representantes do PSOE e do BNG así como representantes do sector comercial (Federación de Comercio, Asociación de Mulleres Empresarias, Asociación Lugo Monumental e FACUA Galicia) co obxectivo de definir as principais liñas da campaña de Nadal.

Durante o encontro acordouse unha programación pensada para dinamizar a actividade comercial e social da cidade, pero tamén para facer chegar o ambiente do Nadal a todos os barrios de Lugo a través dunha campaña común que conecte as actividades do centro coas que se organizarán nas distintas zonas da cidade.

Un dos acordos máis destacados foi manter o Mercado de Nadal, que este ano adaptará a súa localización e se situará ao fondo da praza maior, nun recinto perimetrado que engloba tanto a contorna do templete como a explanada do fondo da praza. O novo deseño contará con tres accesos especialmente visibles e cun espazo central destinado á animación e ás actividades, favorecendo un percorrido máis atractivo para a veciñanza e sobre todo para os rapacesas persoas visitantes. Manterase a caseta de alimentación con chocolate quente, unha das iniciativas que tivo moi boa acollida durante a pasada edición.

A proposta da Mesa Local de Comercio se acorda montar un carrusel infantil na Praza do Ferrol, co propósito de ampliar os espazos de lecer e dinamización durante estas datas.

No ámbito da ambientación, a Mesa Local de Comercio tamén acordou impulsar unha decoración máis completa e atractiva da cidade así coma outras accións de animación que contribuirán a crear unha imaxe de Nadal máis acolledora.

Entre as iniciativas previstas e que apoiaron os membros da Mesa Local de Comercio figura tamén: a recuperación da instalación do Belén; o impulso dun concurso de escaparates para promover a implicación do comercio local, así como unha Cabalgata de Reis con temática coherente coas datas de nadal.

Comparte éste artículo
No hay comentarios