O portavoz, Antonio Ameiiide, considera “incoherente” reclamar constantemente á Xunta solucións sobre cuestións que dependen directamente do Ministerio de Sanidade e gardar silencio cando quen ten que actuar é o Goberno de Pedro Sánchez”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular pedirán no vindeiro Pleno da Deputación de Lugo que o Goberno de España “retire a súa proposta de reforma do Estatuto Marco e abra unha negociación real cos profesionais sanitarios e coas comunidades autónomas” para solucionar o conflito e evitar máis paros médicos que están a impactar nos tempos de espera, máxime cando os facultativos xa teñen anunciado que continuarán coa folga despois do verán ante a falta de acordos co Ministerio de Sanidade.
Os deputados provinciais do PP insisten en que a iniciativa “non responde a unha posición partidista, senón ás demandas expresadas polos propios facultativos que levan meses mobilizándose contra as imposicións do Goberno de Sánchez ereclamando un Estatuto Marco que teña en conta as demandas da profesión médica e faga fronte aos problemas reais do Sistema Nacional de Saúde. Os populares lamentan que a folga provocada polo Executivo estatal “teña un elevado impacto nas listas de espera da sanidade pública de toda España” – só en Galicia téñense suspendido preto de 280.000 actos médicos cos paros convocados desde o mes de decembro- e inciden en que “a solución depende exclusivamente do Goberno do Estado”.
O portavoz, Antonio Ameijide, considera “chamativo” que PSOE e BNG manteñan un discurso permanente esixindo á Xunta de Galicia máis profesionais sanitarios, pero “sempre se neguen a mirar cara ao verdadeiro responsable de boa parte dos problemas estruturais que afectan á sanidade. Son moi bravos en Galicia e nos plenos da Deputación de Lugo, pero moi mansos cando toca reclamar ao Goberno de España que asuma as súas responsabilidades”, sinalan.
O Grupo Provincial Popular lembra que é o Executivo central quen ten competencias fundamentais para planificar e incrementar o número de profesionais sanitarios, tanto a través da oferta de prazas de formación especializada como da regulación do Estatuto Marco que ordena as condicións laborais do persoal do Sistema Nacional de Saúde. “É incoherente reclamar constantemente á Xunta solucións sobre cuestións que dependen directamente do Ministerio de Sanidade e gardar silencio cando quen ten que actuar é o Goberno de Pedro Sánchez”, aseguran.
“PSOE e BNG levan anos presentando iniciativas para esixir máis médicos á Xunta de Galicia, pero nunca teñen a valentía de reclamar ao Ministerio de Sanidade que aumente as prazas de formación ou que atenda as reivindicacións dos profesionais. Prefiren utilizar a sanidade como ferramenta de confrontación política antes que esixir solucións a quen realmente ten as competencias”, denuncian os populares.
Tanto os representantes dos profesionais como a maioría das comunidades autónomas levan tempo reclamando ao Ministerio de Sanidade que retire a proposta actual e abra un proceso de diálogo real onde se teñan en conta as peculiaridades da profesión médica.
“Se PSOE e BNG son tan reivindicativos coa sanidade pública, teñen agora unha oportunidade perfecta para demostrar que tamén o son diante do Goberno de España e non só cando lles interesa facer oposición á Xunta de Galicia”, conclúen os deputados populares.

