O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou a súa visita oficial á Arxentina cunha reunión de traballo co ministro de Goberno da Provincia de Bos Aires, Carlos Bianco. No encontro abordouse a necesidade de estreitar a cooperación internacional entre forzas progresistas para defender os dereitos sociais, protexer os servizos públicos e facer fronte ao avance da extrema dereita.
Bianco é unha das figuras clave do Goberno liderado por Axel Kicillof, un dos principais referentes de oposición ás políticas do executivo central de Javier Milei. Durante a xuntanza, ambos os dous dirixentes analizaron as consecuencias sociais e económicas destas medidas nunha rexión onde residen preto de 180.000 galegos e descendentes. O Goberno bonaerense vén alertando do recorte de fondos estatais, a paralización da obra pública e a deterioración de servizos básicos como a sanidade, a educación e a protección social.
Besteiro, que estivo acompañado polo senador e secretario de Exterior da Executiva Federal do PSOE, César Mogo, subliñou que Galicia e a provincia de Bos Aires comparten unha mesma convicción: «Os gobernos non poden mirar para outro lado cando a cidadanía atravesa dificultades; deben garantir dereitos, ofrecer protección e crear oportunidades».
Oportunidades económicas e desenvolvemento rexional
Na xuntanza tamén se exploraron vías de cooperación económica e o papel estratéxico de América Latina e do Mercosur na construción dun modelo de desenvolvemento baseado na industria, a innovación e o emprego de calidade. Neste sentido, o líder do PSdeG defendeu o papel de Galicia como ponte natural entre Europa e América Latina para abrir novos espazos de intercambio comercial, científico e universitario.
Contacto coa militancia e a colectividade galega
A axenda da xornada completouse cunha visita á sede da Agrupación do PSOE na Arxentina, onde Besteiro mantivo un diálogo coa militancia sobre a realidade política de ambos os dous países, agradecendo o seu labor como espazo de participación e apoio continuo.
Posteriormente, o dirixente socialista trasladouse ao Centro Betanzos de Bos Aires, unha das entidades referentes na promoción cultural e na defensa dos dereitos da emigración. Alí reafirmou o compromiso do PSdeG coa Galicia exterior, destacando que as novas xeracións da emigración «non son só parte da nosa memoria, senón tamén do presente e do futuro de Galicia«.